A Deputación aproba 41 proxectos medioambientais das Reservas da Biosfera
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a listaxe definitiva das entidades sen ánimo de lucro que resultaron beneficiarias da liña de axudas de concorrencia competitiva que convoca a institución provincial para desenvolver proxectos medioambientais nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. En concreto, son 110.000 euros para desenvolver 41 iniciativas que porán en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios. Así o anunciou na rolda de prensa o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
Rivera Capón informou que “destinamos un total de 60.000 euros para 28 proxectos que se realizarán na Reserva Terras do Miño e 50.000 euros para desenvolver 13 actuacións na Reserva dos Ancares Lucenses”. Así mesmo, o Deputado sinalou que esta é a cuarta convocatoria desta liña de axudas que puxo en marcha a institución provincial o pasado mandato e subliñou que “da man de entidades asociativas asentadas nestes territorios contribuímos a coidar e preservar o medio ambiente, ao mesmo tempo que impulsamos o seu desenvolvemento social e económico da maneira sostible”.
Pablo Rivera afirmou que estas axudas van desde o 1.000 ata os 7.000 e puxo en valor o éxito desta convocatoria “que nos levou a incrementar hai un ano o orzamento nun 30%, ata alcanzar os 110.000 euros, o que nos permite desenvolver máis iniciativas que continúen dinamizando as Reservas da Biosfera”.
Algúns dos proxectos que se van levar a cabo grazas a estas axudas son: un programa de educación ambiental para persoas con diversidade funcional, que realizará a asociación Capaces Lugo; unha xornada de micoloxía e diversos obradoiros sobre plantas silvestres e medicinais da man da Asociación de Veciños da Parroquia de Santiago de Sancovade (Vilalba); ou labores de mantemento de rutas de sendeirismo a través da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, entre outras actuacións.
O deputado provincial tamén puxo en valor o esforzo que realizamos a institución provincial para impulsar e potenciar estes territorios “un traballo que, por suposto, facemos da man das entidades e dos colectivos relacionados con este ámbito, porque somos plenamente conscientes da súa importancia para dinamizar a actividade social, cultural e económica das Reservas da Biosfera”, avanzou.
Convenio con Aprevar
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno celebrada este venres sacou tamén adiante un acordo coa Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios (Aprevar), mediante o cal a Deputación achegará a esta entidade un total de 35.000 euros para colaborar cun proxecto de formación semipresencial.
Pablo Rivera comentou que “Aprevar porá en marcha un plan formativo dirixido a traballadores ocupados da provincia no que se incluirán accións de aprendizaxe relacionadas con este sector, no que constantemente se producen innovacións tecnolóxicas. Ademais, con esta iniciativa, contribuímos a mellorar a cualificación dos profesionais, fomentando así a competitividade e a modernización das empresas da provincia”.
“A nosa aposta pola formación, a innovación e o progreso tradúcese neste tipo de iniciativas, que non só enriquecen ao sector, senón que contribúen ao crecemento sostible do noso territorio”, finalizou Rivera Capón.