A Deputación achega 85.000 euros aos 7 clubs de piragüismo da provincia

TerraChaXa | AMariñaXa
O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, mantivo un encontro cos representantes dos 7 clubs lucenses de piragüismo, para afondar na colaboración do Executivo con este deporte de fonda pegada en toda a provincia.
froiteria
25 Xan 2019

O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, mantivo un encontro cos representantes dos 7 clubs lucenses de piragüismo, para afondar na colaboración do Executivo con este deporte de fonda pegada en toda a provincia. O Executivo Provincial achegará nesta anualidade 85.000 euros aos clubs, correspondentes ao convenio asinado en 2017 para a promoción desta disciplina no conxunto do territorio lugués. O acordo contemplaba unha axuda de 215.500 euros repartidos en tres anualidades. Os clubs perceptores da axuda son: Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Cidade de Lugo, Club Fluvial de Lugo, Club Kayak de Foz, Club Piragüismo Viveiro, Club Piragüismo Altruan, de Ribadeo e Club Montaña Quixós, de Monforte de Lemos.
Esta achega enmarcase dentro do Programa de promoción provincial do piragüismo co obxectivo de achegar esta disciplina deportiva, en todas as súas modalidades, a poboación tanto aos adultos como aos máis pequenos, esta campaña inclúe actividades de promoción nos centros educativos, a formación de técnicos nas diferentes especialidades do piragüismo, e o asesoramento aos diferentes equipos.
Rivera Capón destacou “un ano máis cumprimos o noso compromiso co piragüismo. Durante o 2018 as axudas que o Goberno da Deputación achegou a este deporte, ascenderon a preto de 170.000 euros. Cómpre destacar tamén o bo facer dos clubs, pois grazas ao seu traballo desde a Deputación podemos promover a organización de eventos e ofrecerlles bolsas individuais a algúns dos mellores piragüistas da provincia”.
Un ano máis serán os clubs os que xestionen a Escola de Piragüismo, un modelo de éxito que comezou en 2017, baixo a premisa de que son as propias entidades quen mellor coñecen as súas necesidades e quen deben marcar a folla de ruta para facer da Escola unha plataforma de divulgación deste deporte.
Durante a reunión, o deputado anunciou que este ano o lugar elixido para a celebración da Gala do Piragüismo Galego foi a Deputación. O evento terá lugar o sábado 9 de febreiro, e nel premiaranse aos mellores padexeiros, clubs e regatas das diferentes variedades do piragüismo galego. Para Rivera Capón “a elección do Pazo de San Marcos, como sede desta gala constata unha vez máis o apoio do Goberno da Deputación a un dos deportes referentes na comunidade e na provincia, o máis laureado olimpicamente, un apoio que xa se confirmou cando en 2017 recibimos, xunto coa Deputación de Pontevedra, o galardón á Mellor Colaboración Institucional”.

0.18851399421692