A Deputación achega a figura de Luisa Villalta aos centros de ensino
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo fará chegar aos centros educativos un lote de libros con diferentes publicacións arredor de Luisa Villalta, autora á que se dedican este ano as Letras Galegas. En total, 140 colexios e institutos da provincia reciben nestes días a partida de libros entre os que se atopa un volume da obra poética da autora coruñesa.
No lote enviado aos centros de secundaría, inclúese Pensar é oscuro. Poesía Reunida, unha recompilación publicada por Galaxia dos catro títulos que Villalta dispuxo en vida para a súa publicación -Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004)-. Tamén contarán coa biografía Abonda con vivir, de Montse Dopico (Xerais), feita con retallos da memoria que gardaron da autora persoas que formaron parte da súa rede afectiva, realizando unha análise literaria, sociolóxica e histórica .
Aos centros de primaria, envíase outra biografía da autora homenaxeada polas Letras Galegas, Tinta do mar. Pequena biografía de Luisa Villalta, de Enrique Mauricio (Lela Edicións),e O violino de Luisa, de Verónica Santalices e Mara Méndez (Galaxia), unha obra adaptada ao público máis novo que conta a historia da nena Luisa Villalta e o seu compañeiro Violino para resolver un misterio que devolverá á Coruña o seu bulicio.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “se trata de exemplares adquiridos polo Servizo de Publicacións co obxectivo de apoiar a produción editorial en galego e, neste ano dedicado a Luisa Villalta, puxemos o foco nela, contribuíndo a divulgar a súa vida e obra no ensino”. “É tamén unha forma de ofrecer recursos á comunidade educativa e de recoñecer o interese poñen na celebración dunha data fundamental para a lingua e a cultura galega", argumentou.