A Deputación achegará preto de 7.000 euros para a celebración da Feira da Cantería, Callos e Artesanía

TerraChaXa
Pablo Rivera puxo en valor esta feira “é unha cita ineludible no noso calendario cultural, que honra a nosa rica herdanza artesanal e gastronómica”
firma convenio feira canteria
Presentación da feira na Deputación
15 Xul 2024

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns na presentación da XXIX Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Guitiriz que se celebrará este domingo, 21 xullo, na carballeira de Parga co apoio da Deputación de Lugo. O acto tivo lugar na Casa da Habanera coa participación tamén da alcaldesa de Guitiriz e deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, a concelleira de Promoción e Dinamización Económica, Pilar Vázquez, e os representantes da asociación de veciños do Campo da Feira de Parga, Jesús Barreiro e José Manuel López.

Pablo Rivera puxo en valor esta cita, organizada polo concello de Guitiriz e a Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga, que conta co apoio da Deputación cunha achega de preto de 7.000€ a través do Plan Único do ano 2023. “A Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga é unha cita ineludible no noso calendario cultural, unha festa que non só honra a nosa rica herdanza artesanal e gastronómica, senón que tamén serve como punto de encontro para a comunidade”.

Destacou o deputado un dos grandes atractivos da feira como é o certame de cantería “que reúne a moitos canteiros, auténticos mestres no seu oficio, que amosan o seu bo facer a través de figuras realmente especiais e diferentes”. Un espazo onde se dan a man a destreza e a creatividade “para converter a pedra nunha forma de arte, mantendo viva unha tradición que forma parte esencial do noso patrimonio”, subliñou.

A deputación de Lugo, afirmou o Rivera Capón, “é plenamente consciente da importancia de eventos como este para a dinamización económica e social das nosas vilas e concellos. Por iso, continuaremos a apoiar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento rural, fomentando a participación cidadá e a preservación das nosas tradicións”.

O programa da Feira de Cantería, Callos e Artesanía de Guitiriz comezará ás 8:30 horas coa apertura do XXVI Certame de Cantería. Ás 10:00 horas abrirá as portas a Mostra de Artesanía, onde se poderán apreciar e adquirir pezas únicas. Unha hora máis tarde, as 11:00 horas, comezarán as actuacións musicais, a cargo dos grupos municipais da banda de música, o grupo de gaitas da UNED Sénior e tamén estará amenizando a xornada a agrupación na Casa Zoqueiro e Asubios da Chaira.

Xa ás 13:30 horas, Rubén Iglesias Seoane, director do Colexio Santo Estevo de Parga, pronunciará o pregón. A continuación, ás 14:00 horas, anunciarase o fallo do xurado e procederase á entrega de premios.

Ademais, a partir de media mañá, estarán dispoñibles para a venda racións de callos e polbo.

Pola tarde, a partir das 16:00 horas, celebrarase o Campionato Galego de Andadura Federada 2024. Este inclúe as categorías de cabalos novos, menos de 150 serrada, menos de 150 chapeada, máis de 150 serrada, sub-18 e máis de 150 chapeada.

0.20998501777649