A Deputación acometerá en Vilalba a rexeneración completa da LU-P-6513 ata o acceso á A8

TerraChaXa
A alcaldesa, Marta Rouco, puxera en coñecemento do presidente a urxencia de esta obra
vilalba-arranxo-lu-p-6513-acceso-a8
8 Feb 2025

O Concello de Vilalba vén de confirmar o compromiso da Deputación Provincial de Lugo a acometer nos vindeiros meses a rexeneración completa da LU-P-6513 dende o seu inicio, na intersección entre a rúa Conde Pallares coa rúa Cidade de Betanzos, ata o punto quilométrico 1,6, na rotonda de acceso á autovía A-8.

A alcaldesa, Marta Rouco, aproveitou a visita do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, o pasado mes de novembro para poñer no seu coñecemento a urxencia de actuar sobre esta vía provincial que discorre pola rúa Cidade de Betanzos, a rúa da Ferrería e o camiño do Rollo no casco urbano vilalbés.

“Eramos conscientes do estado de deterioro no que se atopaba o firme e a sinalización destas rúas e do consecuente prexuízo que supoñía para os veciños e veciñas desta zona, que nos fixeron chegar en varias ocasións as súas solicitudes para o arranxo desta vía”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco quen engadiu que “por suposto responsabilizámonos de facer chegar esa petición á administración provincial para acadar a renovación completa da mesma”.

A rexedora adiantou que “as obras, cun orzamento de 231.000 euros, terán un prazo de execución de 3 meses dende que dean comezo e incluirán a repavimentación da vía con aglomerado en quente, a reposición da sinalización vertical, o pintado mediante marcas reflexivas brancas e a reapertura de cunetas”.

Ademais, as actuacións englobarán a reposición de marcas viais dende o quilómetro 1,6 ata o punto quilométrico 17,3, no termo municipal do Concello de Xermade. En consecuencia “a mellora desta estrada será beneficiosa para un gran número de veciños e veciñas, pois estamos a falar dunha vía que conecta varias parroquias do noso rural co casco urbano, pero tamén co veciño municipio de Xermade e que soporta un elevado volume de tráfico”, concluíu a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

En definitiva, as obras sairán a licitación nas vindeiras datas para posteriormente dar comezo e estar rematadas nun prazo máximo de 3 meses dende o inicio das mesmas, de tal forma que se agarda que os veciños e veciñas conten con esta vía completamente rexenerada na maior brevidade.

0.079630851745605