A Deputación acusa á Xunta de favoritismo nos investimentos nos concellos

TerraChaXa
O Executivo da Deputación desvelou que o 80% das axudas autonómicas recoñecidas pola Xunta na provincia de Lugo foron para 26 concellos gobernados polo Partido Popular.
minuto de silencio
25 sep 2018

O Executivo da Deputación desvelou que o 80% das axudas autonómicas recoñecidas pola Xunta na provincia de Lugo foron para 26 concellos gobernados polo Partido Popular. Esta porcentaxe correspóndese con 4 millóns de euros. Desta cantidade, 1,4 millóns concedéronse na última convocatoria de subvencións e 2,6 millóns a través dos convenios feitos públicos.

“Ante este  reparto caciquil e clientelar de fondos públicos que fai o PP”, o Goberno Provincial presentou unha moción ao Pleno deste martes esixindo á Xunta de Galicia criterios obxectivos na distribución orzamentaria e transparencia. Os 12 Deputados do Partido Popular e o Deputado non adscrito votaron en contra da iniciativa do Grupo Provincial Socialista, facendo que non se aprobase.

Begonte, un dos concellos con máis investimento

O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, detallou que o pasado 12 de setembro se publicou na páxina web da Xunta de Galicia a listaxe de municipios beneficiados das axudas para mellorar infraestruturas e equipamentos. Dos 6 Concellos lucenses que reciben subvención, 5 están gobernados polo PP e dáselle preto de 1,4 millóns, que representan o 83% dos fondos totais para a provincia. Trátanse de Mondoñedo que recibe 110.289 euros; Begonte con 475.554 euros; Portomarín con 198.706 euros; O Vicedo con 92.950 euros e Cervo con 499.550 euros. O único municipio da provincia no que non goberna o Partido Popular, dos 34 que hai en Lugo e nos que se concentra o 68% da poboación con máis de 220.000 habitantes, que recibe fondos é Trabada, que acada 272.000 euros. 

Santos Ramos destacou que “xa nos temíamos este reparto caciquil e clientelar. O PP fixo un proceso a súa medida, pois publicou as bases no DOG un venres e abriu o prazo de solicitude practicamente ao día seguinte: o sábado ás 12 da noite ou o domingo ás 00:00 horas. Os Concellos, se viron a publicación no Diario Oficial de Galicia o propio venres, tiveron pouco máis de 24 horas para elaborar as súas propostas e ata os proxectos; traballo practicamente imposible senón está xa feito. É máis, para presentar todo isto, como exclusivamente se impuxo facelo por sede electrónica, os Concellos tiñan que ter persoal público traballando nos Consistorios na madrugada do domingo.  Os feitos son evidentes. O Partido Popular de Feijóo fixo outra convocatoria de subvencións a súa medida para repartir entre uns poucos Concellos nos que goberna, 5 na provincia de Lugo, fondos públicos de todos os cidadáns na Xunta de Galicia”. As axudas esgotáronse aos 12 minutos de abrir o prazo. Concellos como Láncara que fixeron as súas solicitudes ás 00:15 minutos quedaron fóra.

A Xunta publicou no Rexistro de Convenios os fondos a Concellos da provincia de Lugo mediante esta modalidade durante todo o 2017. Concedéronse 3,5 millóns dos que o 75%, que representan máis de 2,6 millóns, foron para 25 municipios gobernados polo PP fronte aos 930.000 euros que recibiron Concellos de distinta cor política.

O “comodín” do Fondo de Cooperación Local

“O Partido Popular emprega de comodín o Fondo de Cooperación Local para tentar camuflar o reparto caciquil e clientelar que fai dos fondos públicos da Xunta. Este fondo é a participación municipal nos ingresos do Estado. Son fondos que lle corresponden aos Concellos por lei e que teñen todas as Comunidades Autónomas. A Xunta só actúa como mera intermediaria”, aclarou Santos.

A Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, informou no Pleno sobre a conta xeral do orzamento da Deputación para 2017. Este documento reflexa que o Goberno Provincial achegou aos 67 Concellos da provincia 76 millóns de euros do presuposto do ano pasado. Son 10 millóns máis que no 2016. García Bermúdez aclarou que estes 76 millóns son os dos capítulos de transferencias de capital onde non se inclúen os gastos de persoal ou correntes da institución. Son investimentos.

MINUTO DE SILENCIO

O Pleno da Corporación gardou un minuto de silencio antes de comezar a sesión plenaria, polo falecemento do Secretario Xeral da Deputación, D. Cristobal Fraga Bermejo.

CUARTEIS GARDA CIVIL

O Grupo Provincial do PP logra que o Pleno da Deputación de Lugo aprobe o rexeitamento á supresión dos cuarteis da Garda Civil na provincia como propoñen asociacións de Gardas Civís co obxectivo de que en ningún posto haxa menos de 20 efectivos cos votos a favor do propio Grupo Popular, o Grupo Socialista e do deputado non adscrito e a abstención dos deputados nacionalistas. Nesa liña, piden ao ministro socialista de Interior que manteña a postura do anterior ministro Zoido en contra da reorganización e reordenación dos postos da Garda Civil que suporía suprimir servizos en municipios do rural.

O Grupo Provincial do PP faise eco do malestar dos veciños e veciñas destas localidades que poderían verse afectadas por esta proposta das asociacións de Garda Civil que agora o Ministerio de Interior, así como do rexeitamento amosado polos alcaldes a este plan, posto que non queren que este Corpo perda a súa presenza permanente nos seus respectivos municipios.

Os alcaldes destes municipios teñen trasladado en innumerables ocasións a importancia de que estes efectivos presten o seu labor nos seus concellos, especialmente naquelas localidade emprazadas no medio rural, onde seguen a desenvolver un importante traballo de disuasión e mesmo de resolución de actuacións delictivas.

XURROS

Por outra banda, o PP conseguiu que o Goberno provincial estude baixar ao 0% os xuros recadados polos concellos en período voluntario, polo que a Corporación acordou deixar a proposta do PSOE sobre a mesa á espera de ter un estudo dos custos actualizados que permita levar a cabo a petición dos populares. En concreto a emenda refírese á modificación das bases terceira, décima, décimo primeira e décimo segunda das Bases que rexen a aceptación e asunción, por delegación expresa, de competencias en materia de xestión, inspección e recadación en relación a tributos, prezos públicos e outros ingresos de dereito público.

O deputado Demetrio Salgueiro agradeceu que se trouxera a proposta ao Pleno porque parte de moitos alcaldes “para que eses ingresos adicionais se cobren o antes posible e estamos de acordo no fondo e na ampliación do convenio”. “Agora ben, neste mandato é a quinta vez que veñen as bases ao pleno e quero facer memoria. A primeira vez tráese cando gobernaba o PP en xullo de 2015 para deixar como inembargable a vivenda habitual e o PSOE fixo unha emenda de substitución e solicitou o que pedimos hoxe, unha modificación para que o custo cero fora aplicado a todos os concellos e a Deputación non teña compensación pola xestión destes impostos. O PP carecía dese estudo e non se aceptou a demanda de substitución e o PSOE e o BNG votaron en contra. Logo unha segunda vez en setembro do 15 hai unha nova proposta do PP no Goberno con todos os informes favorables do servizo de recadación para propor o que pedía o PSOE en xullo, que era o custe cero”.

Os populares defenderon xa cando gobernaban que a xestión de tributos municipais por parte da Deputación de Lugo se ofrecese a custo cero. Así, durante o Goberno de Elena Candia os populares realizaron as xestións oportunas e contaban cos informes económicos e xurídicos favorables para garantir a xestión de recadación dos tributos municipais de xeito gratuíto.

Esta medida supón que a Deputación preste o servizo a custe cero para os municipios e non perciban o 1% do recadado en período voluntario, o que permite que os concellos teñan máis liquidez.

A prestación gratuíta do servizo, explican os populares, significaría un importante pulo para todos os concellos da provincia ao implicar unha inxección de liquidez que superaría o 1,6 millóns de euros e que posibilitaría aos concellos asumir as inversións necesarias para atender a todos os seus veciños e veciñas.

SUPLUSA

O Grupo Provincial do PP votou en contra da proposta do BNG na que pedían a disolución de Suplusa “por responsabilidade”. Os populares denuncian que a Deputación de Lugo xudicializa a continuidade de Suplusa porque non sabe defender os seus plans nos órganos nos que ten competencias en alusión á demanda presentada polo PSOE o pasado mes de xullo para disolución da entidade. Engaden ademais que os prazos de extinción da Fundación TIC demostran con claridade a imposibilidade de facer o mesmo coa sociedade urbanística no presente mandato.

O deputado Carlos Armesto explicou que Suplusa é unha entidade mercantil da Deputación con 15 anos de historia, que nace para crear moito solo industrial e actualmente hai demanda de parcelas. “Suplusa significa postos de traballo e detrás hai familias, persoas, traballadores, concellos con convenios que esperan executar esas obras”, precisou.

“Paréceme caótico que en 2015 o PSOE de présa e correndo convocara as prazas para o persoal das residencias e 3 anos despois non saben qué facer con elas. Hai que ser serio. Tivo unha utilidade bestial e usárona todos os gobernos porque o BNG estivo no goberno e usaron Suplusa para o seu beneficio, para coller e meter traballadores para dentro e agora como non poden estar teñen unha irresponsabilidade tremenda”.

Armesto defendeu que Suplusa é moi útil e que o único que cambiou é o presidente, que curiosamente contou co voto a favor do PSOE. Cambiou que están nun goberno en minoría e que xa non teñen a un presidente amigo. O obxectivo social é o mesmo, a encomenda de xestión, a mesma.

En canto ao PSOE, desde o PP pídenlle ao Goberno Provincial que explique “se nos informes que teñen no seu poder e non fan públicos se garante que os traballadores van poder ser transferidos á Deputación sen problema? A partir de aí os problema políticos arránxenos, a provincia necesita un goberno e nós estaremos nesa liña”.

ACORDOS PLENARIOS

O Pleno da Deputación aprobou a inciativa do BNG para que o goberno da Deputación inclúa nos orzamentos do ano 2019 as partidas económicas necesarias para facer fronte aos acordos plenarios pendentes de execución.

Ferreiro sinalou que o BNG aproveitará a presentación do proxecto de orzamentos para o ano 2019 para “intentar forzar ao goberno da Deputación a que inclúa nese proxecto todas as partidas económicas necesarias para facer fronte a todos e cada un dos acordos tomados a iniciativa do BNG”. A inclusión das partidas debe estar “blindada pola vía das bases de execución, cuestións sen a cal non contará co voto favorable do BNG, procedendo a presentar as correspondentes emendas a tal efecto” afirmou Ferreiro.

0.20508289337158