A Deputación acusa ao alcalde de Riotorto de caciquismo
A Deputación de Lugo considera “un caso de caciquismo puro, propio de épocas pasadas que considerabamos superadas” que o alcalde de Riotorto contratase á súa parella no Concello. Asegura ademais que resulta “inaceptable” que o rexedor queira vincular dalgún xeito á institución provincial co proceso selectivo que el fixo e aprobou para a contratación, “cunhas bases á medida” para beneficiar á súa cónxuxe, “nun intento de darlle apariencia de normalidade ou ética á situación”.
Ante a “falsidade” das declaracións do alcalde, a Deputación informa de que o que fai a institución provincial é conceder recursos económicos ós concellos da provincia que así o solicitan a través do Plan Único, dentro do programa de fomento do emprego, para favorecer a contratación de persoas desempregadas, tal e como figura nas bases do devandito Plan. Sen embargo, quen fixo as bases do proceso selectivo e quen seleccionou ó persoal foi o alcalde de Riotorto.