A Deputación adxudica a humanización do Campo da Feira do Viveiró, en Muras

TerraChaXa
A Deputación provincial adxudica a humanización do Campo da Feira do Viveiró, en Muras, por máis de 400.000 euros
campo da feira viveiro muras
16 Xuño 2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación das obras para a humanización do Campo da Feira do Viveiró, en Muras, tal e como anunciou a voceira socialista do Goberno en funcións, Pilar García Porto, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo.

Estes traballos, que se levan a cabo a través dunha colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Muras, foron adxudicados por un importe de 401.089,03€. “Deste orzamento, a Deputación de Lugo achega 371.200€ (o 92,56%), mentres que o Concello asume o 8% restante (29.800€)”, explicou García Porto.

“Esta colaboración económica servirá para darlle unha nova imaxe e para facer máis accesible e cómodo para a veciñanza un espazo social tan importante como o Campo da Feira do Viveiró, que acolle eventos importantes para este municipio e para a comarca como pode ser a Feira do Mel”, recalcou a Voceira socialista.

O proxecto para esta zona, pola que transcorren dúas estradas de titularidade da Deputación (a LU-P-3402 e a LU-P-6502), consiste na substitución da rede de saneamento, de pluviais, da rede de enerxía eléctrica, da rede de telecomunicacións e o alumeado público.

Así, mesmo renovarase o firme da superficie destinada a tráfico rodado e peonil, dando continuidade ao espazo co estendido de formigón igualando ambas zonas. Tamén se plantarán árbores de diferentes especies, como acivros, castiñeiros, carballos, pradairos ou loureiros.

As obras serán realizadas pola empresa Novavial SL e teñen un prazo de execución de 2 meses e 15 días, reducindo en dúas semanas os tempos de licitación. “Esta actuación é unha mostra máis da continua colaboración que dende a Deputación de Lugo prestamos aos 67 concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños co obxectivo de fixar poboación no territorio”, asegurou a Deputada.

0.14714312553406