A Deputación adxudica as obras da residencia de Guitiriz por 2 millóns de euros

TerraChaXa
Licitadas tamén as obras para a mellora e acondicionamento de estradas provinciais en Abadín e Castro de Rei por un importe conxunto de 820.
21 Xan 2023

Licitadas tamén as obras para a mellora e acondicionamento de estradas provinciais en Abadín e Castro de Rei por un importe conxunto de 820.000 euros.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación das obras para construír o Centro de Atención a Maiores de Guitiriz, cun orzamento de preto de 2 millóns de euros. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou que “cumprimos así co compromiso manifestado polo Presidente da Deputación á Alcaldesa e ós veciños e veciñas de Guitiriz, sacando adiante un novo contrato para construír a residencia deste municipio chairego”.

A empresa adxudicataria é Jesús Naray SL e o prazo de execución do proxecto é de 18 meses, unha vez iniciados os traballos.

García Porto sinalou que esta dotación “cubrirá unha demanda social e xerará economía e emprego no concello e na comarca gracias á implicación da Deputación de Lugo e do Concello”, e lamentou precisamente que a institución provincial continúa a traballar na súa rede de residencias “sen ningún apoio por parte da Xunta de Galicia, que é a Administración que por Lei ten as competencias en materia de servizos sociais, e que debería asumir, ou cando menos colaborar, para crear este tipo de dotacións tan necesarias no noso rural”.

Lembrou a voceira socialista que o ano pasado foi necesario asinar un novo convenio de colaboración da Deputación de Lugo co Concello, despois de que un temporal provocara o colapso do edificio da Casa da Botica, un inmoble no que estaba previsto albergar boa parte das instalacións do centro de maiores. “Un incidente que obrigounos a comezar practicamente de cero”, relatou.

Enumerou García Porto neste sentido que foi necesario resolver o contrato coa anterior empresa adxudicataria das obras; redactar un novo proxecto, que tivo que validar o servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; tramitar e aprobar un novo convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello; e sacar adiante un novo contrato para a construción da residencia, que é o proceso que conclúe hoxe coa adxudicación das obras. Lembrou ademais que o novo proxecto da residencia supón un incremento do orzamento en 450.000€, que asume na súa totalidade a Deputación de Lugo, “unha nova mostra do compromiso que temos co Concello e cos veciños de Guitiriz”, indicou.

Con este novo proxecto “Guitiriz contará cunhas instalacións máis modernas, con maiores prestacións, máis dimensionadas e mellor adaptadas ao modelo asistencial que temos implantado na Deputación”, explicou García Porto, quen engadiu que se respectan os elementos patrimoniais catalogados e de interese da Casa da Botica, como son o reloxo de sol, as xambas e a lareira, que quedarán integrados no novo edificio.

Estradas provinciais

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou un investimento de 820.000€ en obras para o acondicionamento e mellora de estradas da Deputación de Lugo ao seu paso polos concellos de Abadín e Castro de Rei.

En concreto, saen a licitación as obras para rehabilitar o firme da estrada do Cadramón, a LU-P-0101, que conecta Gontán, en Abadín, con Ferreira do Valadouro. Uns traballos que afectarán a preto de cinco quilómetros ó inicio da vía e que terán un orzamento de 340.000€.

A Xunta de Goberno aprobou declarar de emerxencia a execución das obras necesarias para reparar a estrada provincial LU-P-1706, que une Cospeito con Castro Ribeiras de Lea, á altura do Pontello dos Lobos, onde a vía sufriu danos polo temporal de fortes choivas do pasado Nadal. O investimento para repoñer o firme tras o afundimento do arco metálico da ponte ascende a 150.000€ e a empresa que executará os traballos é o Grupo Bascuas 2008 SL, que é a que se encarga precisamente da conservación das estradas situadas nesta zona da provincia. Este paso administrativo permitirá á Deputación actuar coa máxima axilidade posible, segundo recalcou a voceira provincial socialista.

0.18589806556702