A Deputación adxudica por 400.000 euros o Servizo de Teleasistencia 24 horas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A institución provincial garante a atención domiciliaria gratuíta, durante os 365 días do ano, a cerca de 2.000 veciños e veciñas dos 67 concellos
teleasistencia-maiores-axuda
Teleasistencia
22 Xuño 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación, por 380.290,80 euros, do contrato para a prestación do servizo de Teleasistencia domiciliaria as 24 horas que que ofrece a institución provincial. A voceira socialista, Pilar García Porto, informou que a empresa adxudicataria é Servizos de Teleasistencia SA e a duración do contrato será de 1 ano coa posibilidade de prorrogalo de forma anual 3 veces máis, ata un máximo de 4 anos.

“Este é un dos piares da nosa rede de protección social, xunto cos centros públicos de atención ás persoas maiores e o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia”, valorou a deputada. Engadiu que grazas a este servizo, a Deputación garante atención domiciliaria gratuíta as 24 horas, os 365 días do ano, a cerca de 2.000 veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia que teñen dificultades na súa autonomía.

Nese sentido, apuntou que a Teleasistencia “é unha forma de favorecer a permanencia, o arraigo e a integración no entorno familiar e social destas persoas, sobre todo no rural”, porque os usuarios deste servizo e as súas familias “viven con máis tranquilidade, pois saben que contan cun sistema de chamada para recibir atención en calquera momento”.

Lembrou a deputada que a Teleasistencia consiste na instalación dun dispositivo no domicilio das persoas usuarias que permita a mobilización de recursos ante unha situación de emerxencia e necesidade, pero tamén sirve para facer seguimento ás persoas que o necesiten.

Primeira matrícula gratuíta nos graos superiores de Audiovisuaus

A Xunta de Goberno aprobou tamén, “como todos os anos”, a gratuidade da primeira matrícula dos ciclos formativos de grao superior que imparte o Centro de Formación de Audiovisuais da Deputación de Lugo. “A gratuidade é para os ciclos de Realización e Produción, e no caso do alumnado repetidor, a tarifa sinalada e vixente continúa sendo de 600 euros”, explicou García Porto.

Detallou a deputada que “este centro é o único da provincia que imparte ensinanzas superiores de Audiovisuais” e lembrou que o prazo de preinscrición para o curso que vén xa está aberto ata o vindeiro 5 de xullo. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude presencialmente na sede do centro (na rúa Frei Plácido Rei Lemos, en Lugo) ou de xeito telemático a través do apartado de Audiovisuais da páxina web da Deputación de Lugo.

A matrícula poderá realizarse do 17 ao 22 de xullo e no caso de que queden prazas sen cubrir, abrirase un período de matrícula extraordinaria desde o 23 xullo ata completar o número total.

Proceso de selección para a contratación de empregados públicos

Aberto un novo proceso de selección para a contratación de empregados públicos que prestarán servizo na Deputación de Lugo de forma temporal. Concretamente, a Xunta de Goberno deste venres aprobou unha nova convocatoria e as bases específicas para a creación de catro listas de emprego temporal para desenvolver os seguintes postos de traballo: Un peón ou peoa para a reparación de vías provinciais, adscrito ó Parque Móbil; un maquinista condutor; un psicólogo ou psicóloga; e un auxiliar administrativo.

Trátase dun proceso selectivo de concurso- oposición para a elaboración de listaxes que atenderán as necesidades urxentes de persoal temporal da institución provincial. Tal e como explicou Pilar García Poro, ao día seguinte da publicación da convocatoria e as bases no Boletín Oficial da Provincia, as persoas interesadas xa poderán presentar as súas solicitudes.

“Dende a Deputación de Lugo temos un firme compromiso co emprego de calidade, e co reforzo dos servizos públicos”, sinalou a deputada, que engadiu que “como sempre di o noso Presidente, os traballadores e traballadoras públicos son o principal activo co que conta a Administración”.

Oficina técnica para reforzar a seguridade informática

Aprobada tamén a licitación para a contratación do servizo dunha oficina técnica de seguridade da información e protección de datos. A institución provincial inviste 399.300 euros na contratación deste servizo, que terá unha duración de 2 anos, coa posibilidade dunha prórroga anual. “Trátase dun contrato que fixemos por primeira vez o ano pasado e agora tratamos de darlle continuidade”, explicou Pilar García Porto. Apuntou que o que se pretende con este servizo “é reforzar a seguridade da Deputación de Lugo a nivel de sistemas de información, establecendo novas medidas de seguridade nos sistemas informáticos que completan as que xa temos”.

“Queremos que a seguridade TIC sexa unha parte integral e transversal á Deputación, porque consideramos que protexernos das ameazas e os ciberdelitos é algo moi importante no traballo diario da Administración, pola información –ás veces de carácter sensible- que manexamos”, sinalou a voceira, quen avanzou que tamén servirá para protexer os datos e a información de carácter persoal.

Lembrou os pasos que a institución provincial deu estes anos en materia de ciberseguridade, como formar parte de Ciber.gal –no que coa Xunta e o resto de deputacións de Galicia fan fronte común para garantir a Ciberseguridade das Administracións públicas-, aprobar unha nova política de seguridade ou a creación dun comité de Seguridade da Información.

Este servizo incluirá xornadas formativas e de concienciación en materia de seguridade para os traballadores, auditorías internas e a creación dunha oficina de apoio e un servizo de resposta ante ciberincidentes.

0.099475860595703