A Deputación aglomera en Guitiriz a senda peonil no Paseo dos Sete Muíños

TerraChaXa
A Deputación aglomera en Guitiriz a senda peonil que constrúe no Paseo dos Sete Muíños cun investimento de 110.200€
obras deputacion senda peonil sete muinos
16 Mar 2023

A institución provincial está acometendo este proxecto, que contempla as tarefas de drenaxe da cuneta, a dotación dun sistema de desaugue, a construción dun paseo a continuación da beirarrúa existente, a mellora do firme e a sinalización.

A Deputación de Lugo continúa coas obras en Guitiriz para a creación dunha senda peonil e para a mellora do firme no Paseo dos Sete Muíños, un proxecto  para o que inviste 110.200€. Esta semana, entre mañá e o venres, desenvolve os traballos de aglomerado, que servirán para avanzar nunhas obras que permitirán conectar esta vía, a LU-P-2304, dende o centro urbano de Guitiriz co espazo de lecer Sete Muíños.

Nas últimas semanas, a institución provincial xa realizou os traballos de drenaxe na marxe esquerda da rúa e instalou un sistema de desaugue. Agora continúa coa construción do paseo, a mellora do firme e a sinalización. A nova senda peonil terá 1,70 de anchura e discorrerá dende o quilómetro 0 da vía ata o 0,870.

O prazo de execución para o conxunto dos traballos, adxudicados á empresa OVISA Pavimentos y Obras SLU, é de 2 meses, coa previsión de que, se a meteoroloxía é favorable, queden rematados nas vindeiras semanas.

O presidente, José Tomé Roca, subliñou que se trata dunha actuación moi importante para Guitiriz porque esta vía dá servizo ó espazo de lecer Sete Muíños, polo que é moi empregada, tanto pola veciñanza, como polos visitantes que se achegan a este concello. A pouco máis dun quilómetro do centro urbano, esta área conta con varios muíños, pontes, unha piscina natural cunha pequena cascada e unha ruta fluvial que descorre paralela ó río Veiga.

Esta obra vén a complementar o traballo que o Concello de Guitiriz e a súa alcaldesa, Marisol Morandeira, está a cometer no municipio para mellorar a seguridade e a humanización da localidade.

De feito, o presidente da Deputación e a alcaldesa asinaron a finais do ano pasado un convenio de colaboración para investir outros máis de 100.000€ para dotar á rúa Manuel María doutra senda peonil que mellorará a accesibilidade da contorna e que está en fase de contratación.

Preto de 4,5M€ da Deputación en Guitiriz

Estas iniciativas enmárcanse na “cooperación, intensa e continua, que mantemos co Concello de Guitiriz e que, en cifras, tradúcese en case 4,5M€ neste mandato”, destacou o Presidente. Unha cantidade que segundo explicou Tomé Roca “demostra claramente o compromiso que temos co Concello, coa Alcaldesa e cos veciños e veciñas de Guitiriz".

0.18658399581909