A Deputación amañará a rúa Músico Crisanto de Rábade
O Executivo en funcións aprobou en Xunta de Goberno a adxudicación de obras en estradas dos concellos de: Rábade, Cervantes, Chantada e Monterroso, cun total de 700.000 euros. Así o avanzou o voceiro provincial en funcións, Álvaro Santos Ramos, quen subliñou que “con estes traballos melloraremos 14,5 quilómetros de 7 estradas provinciais, renovando o firme con aglomerado en quente e incrementando a seguridade dos usuarios destas vías”.
Do total, 150.000 euros destinaranse ao acondicionamento, no Concello de Rábade, dos 100 primeiros metros da LU-P-5102, a rúa Músico Crisanto. Nesta vía, ademais da mellora do firme, levarase a cabo unha renovación integral da rede de abastecemento e saneamento, a rede de baixa e media tensión, o alumeado público e a rede de telecomunicacións. Así mesmo, na marxe esquerda da calzada habilitarase unha zona peonil, mentres que na marxe dereita acondicionarase unha zona de aparcamento.
Santos Ramos subliñou que se trata “dunha rúa céntrica do municipio, situada ao carón do campo da feira e da pista polideportiva. Ademais, alberga preto dunha decena de negocios comerciais. Coa súa mellora beneficiaranse directamente preto de 500 veciños que viven nesta zona e, en xeral, o conxunto dos rabadenses”.
Outros 151.000 euros destinaranse á rehabilitación de 4 quilómetros de dúas estradas do Concello de Cervantes. En concreto, as actuacións levaranse a cabo en: dous quilómetros da LU-P-1402, entre San Martiño da Ribeira ata Vilaquinte, ao seu paso por Quindous, do punto quilométrico 6,7 ao 8,7; e os dous primeiros quilómetros da LU-P-1408, de Fonquente ata Noceda.
Con 317.000 euros melloraranse 9,1 quilómetros de 3 estradas do Concello de Chantada. Os traballos afectaran a: 3,4 quilómetros da LU-P-1802, que vai de Chantada ao encoro de Belesar por Sabadelle, do punto quilométrico 1,6 ao 5; 4,3 quilómetros da LU-P-1804, de Touza á Ponte de San Fiz por Belesar, do punto quilométrico 1,6 ao 5; e 1,6 quilómetros da LU-P-1809, a estrada que vai de Chantada a Antas de Ulla, na que se levarán a cabo traballos do punto 2 ao 3,6, entre Forna e ata Mariz.
Finalmente, con 83.000 euros acondicionaranse en Monterroso, 1,3 quilómetros da LU-P-3305, dende Satrexas ata Ligonde, na que os traballos afectarán ao tramo comprendido entre o punto 4 ao 5,3.