A Deputación amplia o prazo de inscrición para o plan de emprego xuvenil Prende!

TerraChaXa | LugoXa
A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, informou que a Xunta de Goberno aprobou a ampliación ata o día 20 de xaneiro do prazo de inscrición para favorecer a participación no plan de emprego xuvenil para fixar poboación Prende! Bota raíces no rural que ten en marcha a Deputación, tendo en conta que o período inicial de solicitude coincidiu na súa práctica totalidade coas datas de Nadal.
14 Xan 2020

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, informou que a Xunta de Goberno aprobou a ampliación ata o día 20 de xaneiro do prazo de inscrición para favorecer a participación no plan de emprego xuvenil para fixar poboación Prende! Bota raíces no rural que ten en marcha a Deputación, tendo en conta que o período inicial de solicitude coincidiu na súa práctica totalidade coas datas de Nadal.

O programa está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, apuntados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e empadroados nalgún dos 58 concellos lucenses que teñan menos de 5.000 habitantes, ou entre 5.000 e 10.000 cun saldo demográfico negativo. Os interesados poden anotarse de forma presencial no Pazo de San Marcos ou a través da sede electrónica, https://sede.deputacionlugo.org/

Xunto á solicitude deberán achegarse os seguintes documentos: DNI ou NIE do solicitante e do representante de ser o caso; currículo actualizado; certificado de empadroamento na data da solicitude; xustificante de inscrición no ficheiro do Sistema de Garantía Xuvenil; declaración responsable do participante ao inicio da actuación; certificacións de estar ao corrente das obrigas tributarias (Axencia Estatal e Autonómica), Seguridade Social e Deputación de Lugo, só no caso de non autorizar a súa comprobación; e certificado da conta bancaria onde conste como titular o solicitante.

Os seleccionados formarán parte dunha primeira etapa de formación, que se levará a cabo por sectores: enerxías renovables (que se impartirá na Mariña), xestión forestal (na Montaña), hostalería e turismo (Ribeira Sacra), e agricultura e gandería (zona centro). Nesta fase de aprendizaxe, os participantes comprométense á asistencia e aproveitamento da preparación recibida e haberá unha proba de coñecemento por cada acción formativa. Por cada xornada de formación de cinco horas o participante recibirá 14 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao final deste período.

Despois da primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410 euros por cada persoa contratada. Os traballadores e traballadoras percibirán como mínimo 900 euros ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510 euros para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. 

Os concellos beneficiarios deste plan de emprego representan o82 % de toda a provincia. Son os seguintes: Carballedo, Taboada, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Chantada, Paradela, Samos, Triacastela, Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, O Incio, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Rábade, Castro de Rei, Meira, Pol, Riotorto, Láncara, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Xermade, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Abadín, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e O Courel.

Material para o Parque Móbil

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén este venres a licitación do contrato para o subministro de emulsión asfáltica durante este ano 2020 e o 2021 para o Parque Móbil, un dos principais instrumentos de cooperación da Deputación cos concellos. O importe ascende a 786.500 euros, segundo explicou a voceira socialista do Goberno.

Fomento da contratación indefinida

Así mesmo, o Goberno, informou Pilar García Porto, acordou incluír o fomento da contratación indefinida como criterio de puntuación nos pregos para a contratación do subministro do material eléctrico para os 38 concellos adheridos ao plan de aforro enerxético Ilumin@ que ten en marcha a Deputación. Deste xeito, as empresas licitadoras que teñan máis contratos indefinidos na súa plantilla recibirán máis puntuación na valoración das ofertas, ata un máximo de 5 puntos. 

O programa Ilumin@ conta cun investimento de 722.500 euros e supoñerá a renovación de preto de 3.200 puntos de luz nos 38 concellos lucenses que decidiron sumarse. Co plan reducirase o consumo en máis de 450.000 quilovatios ao ano, o que, en termos económicos, implica un total de 62.000 euros, o 63% do consumo das instalacións nas que se actuará.

 

0.32024788856506