A Deputación anula os contratos de construción das residencias de Pontenova e Guitiriz por incumprimento

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres vén de aprobar a resolución dos contratos de construción das residencias da Pontenova e Guitiriz tras o incumprimento nas dúas obras por parte da empresa adxudicataria. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen recalcou que “a Deputación elaborou os informes técnicos necesarios para proceder á resolución de ambos os dous contratos”.
García Porto lembrou que “no Pleno deste martes aprobamos a ampliación do prazo dos traballos recollido no convenio coa Pontenova, porque expiraba o 15 de agosto do 2025; mentres que no caso de Guitiriz non foi necesario porque continúa en prazo. De feito, no Pleno insistimos tamén na necesidade de que o Consello Consultivo de Galicia emitise o seu ditame para poder resolver estes contratos, porque é un trámite obrigatorio e necesario para avanzar neste proceso”.
Nesta liña avanzou que “o mércores recibimos a resposta deste órgano, favorable á nosa petición para as dúas residencias e, polo tanto, xa podemos proceder á liquidación definitiva do acordo con esta empresa e continuar dando os pasos necesarios para poder reactivar as obras”.
“Con este acordo, cumprimos coa nosa palabra e reafirmamos o noso compromiso co coidado das persoas maiores, porque seguimos adiante coas obras destas dúas residencias. Facémolo a través dunhas residencias únicas que sacamos adiante en solitario, sen ningún tipo de colaboración, nin económica nin en materia de xestión, por parte da Xunta de Galicia, que como saben, é a Administración que ten atribuídas as competencias en servizos sociais”, reiterou.
Así mesmo, recordou que a institución provincial ten abertas nove residencias e que o “o noso compromiso é o de sempre, a pesar do ruído que outros queren facer”.