A Deputación anuncia o arranxo da estrada de Castro de Rei a Cospeito

TerraChaXa | LugoXa
O Presidente anuncia un investimento de 314.000€ para o arranxo e mellora da estrada de Castro de Rei a Cospeito
corte estrada pontello dos lobos
25 Feb 2023

A Deputación demolerá a actual estrutura no Pontello dos Lobos, danada polas fortes choivas do mes pasado, unhas tarefas que arrancarán previsiblemente o vindeiro luns, e, a continuación, colocará un marco prefabricado, que será subministrado a mediados de marzo. O orzamento para esta actuación ascende a 150.000€.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou un investimento de 314.000€ para o arranxo e mellora da estrada provincial que conecta Castro de Rei con Cospeito, a LU-P-1706. En concreto, a institución provincial actuará á altura do Pontello dos Lobos, que colapsou debido ás fortes choivas do mes pasado, e tamén no resto do trazado da vía.

No Pontello dos Lobos os traballos consistirán na demolición da actual estrutura que resultou danada, unhas tarefas que arrancarán previsiblemente o vindeiro luns, e, a continuación, na súa reposición cun marco prefabricado, que será subministrado á Deputación a mediados de marzo. O orzamento para esta actuación ascende a 150.000€.

A maiores disto, cun investimento de 164.000€, a Deputación renovará o asfalto dun treito da estrada de 1,3 quilómetros ao seu paso por Castro de Rei, en concreto, entre os puntos quilométricos 7,3 e 8,6. Ademais, á altura do concello de Cospeito procederá ao bacheo de varios tramos. Por último, renovará o pintado da totalidade da estrada.

A institución provincial actúa coa maior axilidade posible ao declarar de emerxencia estas actuacións.

Trátase dunhas obras importantes para a veciñanza destes concellos, pero tamén da comarca, porque esta vía que une Feira do Monte, en Cospeito, con Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei, é a comunicación máis directa entre ambos municipios. Ademais, dá servizo a explotacións gandeiras, polo que se trata dunha vía moi transitada nesta zona da provincia.

Co investimento nesta estrada, a Deputación dedicou dende o ano 2019 ata a actualidade ao concello de Castro de Rei máis de 3,3M€ para dotar de máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas. Boa parte dos fondos da institución provincial dedicáronse ás infraestruturas, ao fomento do emprego e ás políticas sociais.

Esta obra enmárcase dentro das liñas estratéxicas da acción do Goberno provincial, presidido por José Tomé Roca, como queda demostrado nos Orzamentos. De feito, o investimento en estradas subiu un 30% no que vai de mandato, pasando dos 14,2M€ consignados no 2019 aos 18,3M€ deste ano, co obxectivo de conservar e mellorar a rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

corte estrada pontello dos lobos interior
0.18376708030701