A Deputación apoia aos traballadores municipais da limpeza
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, envioulle unha carta ás traballadoras e traballadores de limpeza das dependencias provinciais para informarlles de que a institución pon á súa disposición a súa Asesoría Xurídica para que podan recibir asesoramento de expertos e apoialas no exercicio de accións legais que procedan fronte á anterior empresa contratista do servizo.
Nestes momentos, a Deputación non ten débedas coa empresa contratista -para a que traballaban as empregadas- coas que poder reter as cantidades correspondentes ao finiquito e ao salario dos 11 días do mes de marzo que teñen sen cobrar as traballadoras, antes de que o servizo pasara á empresa pública Tragsa. Por iso, a institución provincial adopta esta medida para que as empregadas podan reclamar estas débedas que a empresa ten con elas.
A voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explica que “dende o principio, cando xurdiron os primeiros problemas coa empresa, a Deputación de Lugo adquiriu un compromiso coas traballadoras para defender os seus dereitos e intentar garantir o cobro das cantidades correspondentes aos seus salarios”. García Porto engade que “agora mesmo damos un paso máis no noso compromiso e poñemos á súa disposición os servizos xurídicos para que podan cobrar o finiquito e o que lles adebeda sen poñer en risco a economía das súas familias”.
Está previsto que canto antes, na medida que a actual situación de emerxencia sanitario o permita, os especialistas en Dereito Laboral da Asesoría Xurídica da Deputación de Lugo manteñan unha xuntanza por videoconferencia con elas para prestarlles asesoramento.
A Deputación resolveu o contrato coa anterior empresa contratista do servizo de limpeza das dependencias provinciais o 11 de marzo e procedeu ao encargo a Tragsa o día 12, co fin de garantir a totalidade dos 32 empregos e manter tamén as súas condicións salariais e laborais. Anteriormente, o Goberno xa actuou con rapidez e rigor a finais do pasado ano para que as traballadoras puidesen cobrar os soldos que lles adebedaba a empresa –dous meses do 2019 e a paga extra de decembro- e posteriormente fixo o mesmo cos salarios dos meses de xaneiro e febreiro do 2020. Para iso, mediou coa adxudicataria para acordar unha cesión de crédito ás traballadoras, de xeito que o importe das facturas abonadas pola Deputación polo servizo foron directamente para as empregadas, na cantidade correspondente aos seus salarios. Con este mecanismo, cobraron as nóminas de novembro, decembro e a paga extra de decembro do 2019 e as de xaneiro e febreiro de 2020.