A Deputación aportará 52.000 euros ao Club Fluvial de Begonte
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou un convenio de colaboración a través do que o ente provincial aporta máis de 52.000 euros ó Centro de Iniciativas e Turismo do Club Fluvial de Begonte para que poida realizar melloras nas súas instalacións deportivas.
O investimento inclúe a redacción do proxecto e a execución das obras, que consistirán na mellora das pistas multideporte e no subministro e instalación da rede e pintado nas pistas de tenis.
Con esta actuación, o Club poderá contar cunhas renovadas instalacións para a práctica deportiva e a celebración de eventos que o centro desenvolve nestas pistas, e que son de gran importancia e repercusión, como pode ser o Torneo Nacional de Tenis que reúne a deportistas de todo o país.
Esta aportación económica “é unha nova mostra do apoio que dende a Deputación de Lugo lle prestamos a esta entidade, que contribúe de forma significativa á dinamización da vida social de Begonte”, apuntou a voceira socialista.