A Deputación aportará a Guitiriz máis de 50.000 euros para diferentes obras

TerraChaXa
Colaborará na mellora da repavimentación do firme e na instalación de contedores e axudará a financiar a reparación de pozos nas rúas Vista Alegre, Perexil e Portopulgo
Pilar-García-Porto
3 Oct 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un investimento de máis de 2M€ para a mellora de vías e servizos na provincia. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que entre as cuestións que se sacaron adiante esta mañá destacan tres convenios de colaboración con Alfoz, Guitiriz e Negueira de Muñiz; a licitación dunhas obras de mellora viaria na parroquia de Conforto, na Pontenova; e o inicio da contratación da subministración da emulsión asfáltica.

“Ser o Concello dos concellos é a idea vertebradora de toda a nosa acción de Goberno. Así o demostramos cada semana coas decisións que tomamos na Xunta de Goberno, cando elaboramos os Orzamentos cada ano, ou cando aprobamos o Plan Deputación con criterios de reparto obxectivos. Facémolo co convencemento de que cooperar cos concellos é a mellor maneira de ser útiles á veciñanza”, valorou García Porto.

Nese sentido puxo en valor os convenios aprobados con Alfoz, Guitiriz, Negueira de Muñiz e as obras que se farán na Pontenova “que beneficiarán de xeito directo a máis de 9.000 veciños e veciñas”.

En Guitiriz a Deputación achegará 52.165,25€ para axudar no financiamento dos gastos derivados da execución de diferentes obras encamiñadas á mellora do polígono industrial e á rede de saneamento do municipio. No que ten que ver co polígono, a Deputación colaborará na mellora da repavimentación do firme e na instalación de contedores. E no que ten que ver co saneamento axudará a financiar a reparación de pozos nas rúas Vista Alegre, Perexil e Portopulgo.

Ademais, na EDAR, os fondos provinciais servirán para colaborar na implantación da xestión dixital, o que permitirá controlar o cadro de bombas e o caudalímetro da entrada. Tamén se substituirá a sonda de oxíxeno. A achega da Deputación súmase a máis de 150.000€ de Fondos Europeos para que Guitiriz poida acometer estas melloras.

⚙ Configurar cookies
0.095300197601318