A Deputación aproba a reclamación á Xunta para manter os servizos sanitarios no rural no verán

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O que si obtivo luz verde foi a aprobación, no segundo intento, da actividade económica e o réxime xurídico do Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá
pleno-deputacion-lugo
30 Jul 2025

A Deputación de Lugo esixiralle á Xunta de Galicia que poña fin aos recortes en sanidade, que manteña os servizos médicos nos consultorios do rural da provincia durante o verán e que active un plan de choque para evitar peches e redución nos horarios de atención. Así se acordou no Pleno ordinario do mes de xullo celebrado este martes tras unha proposta de Goberno que foi aprobada cos votos a favor do PSdeG e do BNG e coa abstención do PP.

Explicou o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, antes da sesión plenaria, que “temos hoxe moitos consultorios pechados, xustamente durante o verán que é cando máis xente hai”. Enmarcou a iniciativa “no compromiso da institución cos servizos públicos universais e de calidade, especialmente coa sanidade” da institución provincial, considerando os recortes “un sinsentido que vai en contra do traballo que todos facemos para consolidar a provincia como un destino turístico sostible e atractivo”.

Nesa mesma liña, a Deputada pola Chaira, Marisol Morandeira, engadiu que a Xunta “consigue facer realidade algo máis difícil aínda: empeorar máis a deficiente atención sanitaria que reciben os galegos e as galegas”. Explicou que ás eivas tradicionais de longas listas de espera, déficit de persoal, e aos problemas crónicos en urxencias e atención primaria, ou a “sanidade de segunda” no rural, “se suman coma sempre os recortes de verán”, que provocan unha descompensación maior, posto que se trata dunha época do ano no que tamén se incrementa a poboación.

Morandeira citou ao Conselleiro de Sanidade, que anunciou o peche do 8,3% das camas hospitalarias no verán e tamén “dalgún consultorio, como todos os anos” e lamentou que na provincia de Lugo, “como resultado do desmantelamento das áreas sanitarias de Monforte de Lemos e A Mariña, a porcentaxe de camas hospitalarias pechadas será do 11,5%; máis de tres puntos por encima da media galega”.

Detallou a Deputada que en Guitiriz, os recortes extra de verán van supoñer o peche, “probablemente por tres meses”, do consultorio de Parga. Tamén que cerren os de Doiras, no concello de Cervantes, ou o de Castro de Rei, que desde a pandemia non recuperaron o horario normal de luns a venres. Na Mariña, o consultorio de Cervo e Centro de Saúde de San Cibrao compartirán unha única médica, que atenderá sen cita, por orde de chegada, en horario de 10:20 a 15:00 horas.

Problemas que se suman aos “constantes” que sofren a Atención Primaria, as Urxencias ou a Pediatría, como é o caso “sanguento do servizo compartido insuficiente para os concellos de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei, “con doentes derivados a Vilalba ou ao propio HULA, en Lugo”.

O texto da proposta recolle, ademais, instar á Xunta de Galicia a apertura dos consultorios de Parga, Doiras e Castro de Rei, coa recuperación dos seus horarios habituais; a recuperación dos servizos e ampliación de horarios no consultorio de Cervo e no Centro de Saúde de San Cibrao; e a substitución de todas as prazas de medicina de familia que se atopan sen cubrir por xubilación en Ourol, O Valadouro, Ribadeo, Trabada, Viveiro, Xove e naqueles centros nos que existe ausencia de profesionais sanitarios, como no caso do Vicedo ou Riotorto.

A voceira do grupo provincial do BNG, Iria Castro, volveu poñer o foco na escaseza de profesionais de medicina de familia e pediatría en numerosos centros de saúde da provincia de Lugo. Advertiu de que o plan da Xunta para o verán “volta a basearse na precarización dos médicos residentes, que exercen sen unha supervisión clara, e na prolongación voluntaria das xornadas laborais”. Fixo unha crítica irónica ao respecto: “¿Están preparando un festival ou xestionando a sanidade pública galega?”, preguntouse.

DECLARACIÓNS INSTITUCIONAIS

A Corporación Provincial acordou na sesión plenaria dúas Declaracións Institucionais: unha delas realizada con motivo do Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de mulleres, nenas e nenos -que se celebrará o vindeiro 23 de setembro-; e outra na que a institución provincial pon de manifesto o “firme compromiso” de acadar unha sociedade baseada no respecto a lei e a convivencia. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo -PSdeG, BNG e PPdeG- acordaron aprobar ambos textos que pretenden erradicar calquera forma de violencia, discriminación e odio, e promover unha sociedade inclusiva e segura baseada na igualdade e nos dereitos humanos.

Ademais, a Deputación tamén amosa o seu apoio ás políticas públicas que protexen ás vítimas, fomentan os valores educacionais e fortalecen a cohesión social. Así mesmo, pon en valor a importancia de manter unha colaboración activa entre as administracións locais, as forzas de seguridade e a sociedade civil para construír un entorno libre de explotación, racismo e calquera forma de discriminación.

No mesmo pleno, o PSdeG non logrou sacar adiante a moción na que pedía que Elena Candia, presidenta provincial do PP, deixase a política e pedise desculpas ás persoas afectadas pola Operación Pulpo, na que foi investigado o socialista José Ramón Gómez Besteiro, expresidente da Deputación. O BNG optou pola abstención, algo que o voceiro do PP, Antonio Ameijide, interpretou como “a soidade política de José Tomé”, ao que instou a dimitir directamente.

Tampouco prosperou a proposta do PP de deter o desenvolvemento urbanístico do polígono C na contorna do Rato e do barrio de Paradai, co obxectivo de preservar ese espazo como zona verde. Os populares advertiron que se proxecta levantar unha torre de oito plantas e que, se se devolven os cartos ao adxudicatario, os terreos poderían regresar a mans da Deputación.

O que si obtivo luz verde foi a aprobación, no segundo intento, da actividade económica e o réxime xurídico do Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá. A proposta quedara en suspenso na anterior sesión pola ausencia dos tres deputados socialistas que apoiaran a candidatura alternativa a Tomé. Nesta ocasión, a moción foi aprobada pese ás protestas veciñais fronte ao Pazo de San Marcos e á oposición dos concelleiros do Partido Popular.

Ao remate do pleno, Antonio Ameijide criticou que esta aprobación “consolida a desigualdade coa comarca dos Ancares”, ao establecer, segundo indicou, que os usuarios do centro de Becerreá terán que asumir un custo un 60% superior ao que se aplica noutras residencias da Deputación para o mesmo servizo.

O pleno aprobou tamén, a proposta do BNG, reclamar á Xunta o reforzo das medidas de control da avespiña do castiñeiro ante o aumento da praga nos Ancares, Courel e Fonsagrada, así como o mantemento das axudas directas ás produtoras de castañas.

Ademais, o BNG conseguiu apoio para outra moción que pide unha regulación clara da instalación de plantas de biogás, co obxectivo de protexer os núcleos de poboación e o medio natural, evitando situacións como a vivida en Coeses (Lugo). Efrén Castro reclamou unha normativa que fixe distancias mínimas e limite a localización destes proxectos segundo criterios de interese público e non empresariais.

⚙ Configurar cookies
0.1450469493866