A Deputación aproba actuacións en Muras e Vilalba

A Deputación de Lugo aprobou estes venres novos investimentos para continuar mellorando a mobilidade da provincia. Esta inversión permitirá, por unha banda, acometer o acondicionamento de seis estradas nos concellos de Xove, Muras e Palas de Rei; e pola outra, reforzar as tarefas de conservación e mantemento da rede viaria provincial.
Ademais, tamén se deu luz verde a tres convenios de colaboración nos concellos de Vilalba, Taboada e A Fonsagrada “para que poidan continuar ofrecendo máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, así o avanzou a Voceira socialista do Goberno Provincial, Pilar García Porto, tras a reunión semanal da Xunta do Goberno.
En materia de mobilidade licitouse por 266.589,37 euros a rehabilitación de dous tramos de dúas vías ao seu paso polo concello de Muras.
Por unha banda mellorarase un treito de case 3 quilómetros -do 0 ao 2,915- desde o inicio da LU-P-3402. Esta é a vía que une A Gañidoira coa parroquia de Viveiró e que dá acceso a puntos de interese turístico como o Miradoiro de Mazoi. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización horizontal e vertical.
Neste proxecto tamén se inclúe o arranxo dun tramo de algo máis de 6 quilómetros da LU-P-6502, a estrada que vai de Vilalba a Chavín pola Balsa. Unha vía de especial relevancia para a veciñanza de Muras porque dá acceso ao Colexio Público de Monseivane, á ermida de San Andrés ou á Igrexa de San Martiño de Lanzós. Neste caso, os traballos realizaranse desde o punto quilométrico 18,100 ao 24,300 e consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de desperfectos, na repavimentación e na sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución de ambos proxectos será de tres meses.
Na reunión desta mañá aprobáronse tamén 158.772,96 euros nos concellos de Vilalba, A Fonsagrada e Taboada.
No primeiro deuse luz verde a unha inversión de 58.680 euros para a rexeneración de accesos nos núcleos de Cabanamille, na parroquia de Belesar, e no de Ver, na parroquia de Goiriz.