A Deputación aproba as bases do plan de emprego xuvenil para fixar poboación

TerraChaXa
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou as bases do plan de emprego xuvenil para fixar poboación Prende! Bota raíces no rural relativas á primeira fase de formación.
16 Dec 2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou as bases do plan de emprego xuvenil para fixar poboación Prende! Bota raíces no rural relativas á primeira fase de formación. O programa está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos de idade, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, e empadroados nos 58 concellos lucenses que teñen menos de 5.000 habitantes ou entre 5.000 e 10.000 cun saldo demográfico negativo na última década.

Segundo informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, o prazo de inscrición abrirase a vindeira semana, logo da publicación das bases na Base de Datos Nacional de Subvencións en no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A Deputación informará do día exacto de inicio do prazo para presentar solicitudes, así como de todos os pasos se vaian dando dentro deste plan.

A selección dos mozos e mozas beneficiarias farase mediante unha Comisión de Valoración que estará composta por tres empregados públicos da Deputación. 

A avaliación farase en dúas fases: a primeira de acordo aos datos da documentación aportada (antigüidade de inscrición no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, idade e formación); e a segunda en base a unha entrevista persoal (actitude, idoneidade e motivación).

Os seleccionados formarán parte dunha primeira etapa de formación, que se levará a cabo por sectores: enerxías renovables (que se impartirá na Mariña), xestión forestal (na Montaña), hostalería e turismo (Ribeira Sacra), e agricultura e gandería (zona centro). Nesta fase de aprendizaxe, os participantes comprométense á asistencia e aproveitamento da preparación recibida e haberá unha proba de coñecemento por cada acción formativa. Por cada xornada de formación de cinco horas o participante recibirá 13,45 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao final deste período.

Despois desta primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410 euros por cada persoa contratada.

Pola súa banda, os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 900 euros ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510 euros para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. 

O plan Prende! Bota Raíces no Rural conta cun orzamento de case 300.000 euros está financiado ao 92% con fondos europeos. 

Plan de aforro enerxético Ilumin@

Tal e como xa avanzou onte o Presidente, José Tomé, a Xunta de Goberno aprobou tamén a licitación do subministro e a instalación do material necesario para a posta en marcha de Ilumin@, un plan de aforro enerxético que prevé a substitución de preto de 3.200 puntos de luz nos 38 Concellos que decidiron sumarse a este proxecto. A Deputación investirá preto de 723.000 euros para levar a cabo un programa que, grazas á substitución de luminarias por outras de LED fundamentalmente de alumeado público exterior, permitirá un aforro conxunto de 62.000 euros ao ano, cunha redución de consumo do 63% nas instalacións nas que se actúa. A previsión é que os traballos poidan comezar a principios de ano.

Recuperación de terras

A Xunta de Goberno acordou así mesmo unha modificación das bases reguladoras do Programa de Recuperación e Incorporación de Terras abandonadas para a posta en produción de recursos agrícolas e gandeiros, co fin de ampliar o seu crédito en 42.500 euros, chegando así aos 142.500 euros. Deste xeito, poderanse atender as 93 solicitudes presentadas que cumpren os requisitos. Co crédito previsto inicialmente nas bases, de 100.000 euros, 34 quedarían sen axuda. O Goberno tomou esta decisión porque este programa enmárcase na súa estratexia prioritaria de apoio ao sector primario para o mantemento da actividade económica no rural. 

0.1258180141449