A Deputación dá luz verde á distribución do material do programa Impulsa TIC

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres os equipamentos e servizos tecnolóxicos que a institución provincial lles proporcionará gratuitamente aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC.
ordenador nenos tecnoloxia
24 Nov 2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres os equipamentos e servizos tecnolóxicos que a institución provincial lles proporcionará gratuitamente aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen explicou que esta iniciativa é posible grazas aos 4,5M€ de fondos europeos que conseguiu a institución a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, “para colaborar coas entidades locais na transformación dixital e mellorar así o servizo que prestan aos seus veciños e veciñas”.

“O tipo de equipamentos e servizos que aprobamos entregar aos concellos beneficiarios atende á realidade e ás necesidades que as propias administracións locais nos trasladaron, respectando así a autonomía municipal, e seguindo criterios obxectivos para a súa distribución, dun xeito semellante ao que facemos co Plan Único”, explicou o Deputado, quen detallou os diferentes usos do soporte que fará chegar a institución provincial.

En concreto, haberá material destinado á mellora da eficiencia dos servizos básicos da administración dixital a través da interoperabilidade entre sistemas, para favorecer así as sinerxías e a colaboración entre entidades; tamén á creación de oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos cidadáns e a implantación dun sistema de automatización e dixitalización dos plenos municipais; e finalmente, á apertura, a transparencia e a accesibilidade dos propios concellos a través de diferentes ferramentas dixitais, a implantación dun chat de asistencia para axudar ao cidadán ou a implantación dun módulo de transparencia.

Unha vez que a Xunta de Goberno aprobou hoxe os equipamentos e servizos, o seguinte paso será licitar os contratos para adquirilos e logo distribuílos.

Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Na reunión de hoxe, o Goberno provincial aprobou o último trámite administrativo que resta para pagar a 7 asociacións de 5 concellos da provincia axudas económicas que suman un total de 40.000€, como beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios da Deputación. As axudas serviron para acometer diferentes actuacións, como acondicionamento de camiños, pistas agroforestais e accesos a fontes; e mellora de depósitos de auga, captacións, abastecementos ou locais sociais.

Equipos de protección e roupa de traballo

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da subministración de Equipos de Protección Individual (EPIs) e roupa de traballo para o persoal da Deputación. A adxudicataria do subministro dos EPIs é a empresa Rafitextil DTT 3.8 SL por un importe de 161.021€; e Construdeco Norte SL resultou adxudicataria do subministro de roupa de traballo por un importe de 49.718€. A duración do contrato en ambos casos é de un ano, prorrogable por outro.

0.15119695663452