A Deputación aproba en Pleno destinar os remanentes de tesourería ao Plan Único

TerraChaXa
A Corporación provincial aprobou durante o Pleno ordinario celebrado este martes vía telemática, cos votos a favor dos grupos do PSdeG e o BNG e a abstención do PP, a incorporación de remanentes de tesourería ao Orzamento 2020 da Deputación de Lugo por importe de 13,6M€.
PLENO DEPUTACION_CAPTURA VOTACION
27 Maio 2020

A Corporación provincial aprobou durante o Pleno ordinario celebrado este martes vía telemática, cos votos a favor dos grupos do PSdeG e o BNG e a abstención do PP, a incorporación de remanentes de tesourería ao Orzamento 2020 da Deputación de Lugo por importe de 13,6M€. Deles, máis de 10,2 destinaranse ao Plan Único co fin de que acade unha dotación económica por un total de 21,3 millóns, e 3,3 millóns estarán dedicados a reforzar a cooperación cos concellos e co tecido asociativo da provincia “co fin de que poidan impulsar medidas que melloren o benestar social e que favorezan a reactivación económica e o emprego, algo especialmente importante no contexto de crise que vivimos provocada pola pandemia do coronavirus”, subliñou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez.

Durante a súa intervención, a Deputada botou por terra as afirmacións que fixo de maneira reiterada o Partido Popular sobre a dispoñibilidade de remanentes da institución provincial.

García Bermúdez explicou que o importe total de remanentes de tesourería para gastos xerais da Deputación resultante da liquidación do exercizo económico do 2019 foi de 64,5M€, dos que xa se incorporaron ao Orzamento deste ano 47,1M€ para facer fronte a compromisos adquiridos, como por exemplo obrigas derivadas do Plan Único de anos anteriores, de convenios asinados con concellos da provincia de todas as cores políticas, da xestión dos centros de atención a maiores, ou o encargo á empresa pública Tragsa do mantemento das zonas verdes provinciais, o que permitiu garantir a continuidade de todos os postos de traballo dos empregados de SUPLUSA que realizaban estas tarefas, nas mesmas condicións laborais e salariais.

Deste xeito, coa nova incorporación aprobada hoxe por 13,6M€ para reforzar a cooperación con concellos e asociacións, e para completar o crédito do Plan Único 2020; e cos 3,7M€ que se decidiron reservar tamén no Pleno desta mañá para cumprir co Plan Económico Financeiro, a Deputación non ten remanentes dispoñibles.

Ademais no Pleno deste martes tomou posesión, tamén vía telemática, o concelleiro barreirense José Manuel Gómez Puente como Deputado do Grupo Provincial do Partido Popular tras o cese de Elena Candia.

Ao inicio desta sesión plenaria, a Corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas da Covid-19 e o presidente avanzou que, en consonancia coa resolución aprobada hoxe polo Consello de Ministros, a Deputación colocará as bandeiras a media hasta durante 10 días, dende mañá e ata o día 6 de xuño.

Apoio aos traballadores de Alcoa
O Goberno da Deputación amosou de novo o seu apoio aos traballadores e traballadoras da factoría de Alcoa en San Cibrao e ao persoal das empresas auxiliares. Instou ao Goberno central a que aprobe un estatuto electrointensivo competitivo coa maior celeridade posible e á Xunta de Galicia a que adopte medidas en materia de industria que contribúan a garantir a continuidade da fábrica

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, cuestionou que a Xunta de Galicia  non recolla no Orzamento 2020 partidas específicas para adoptar medidas que apoien o tecido industrial galego e, polo tanto, o lucense. “Dende a Deputación sempre apoiamos as reclamacións dos traballadores de Alcoa e das empresas auxiliares, e nesas reclamacións pídese que o Goberno galego desenvolva as súas competencias en política industrial e fomente o desenvolvemento e capte investimentos, entre outras moitas iniciativas necesarias, e observamos que non hai vontade de facelo”.

Tomé Roca pediu ao voceiro do PP que sexa “minimamente serio” porque, “polo que di, parece que, entre as competencias da Deputación, están as electrointensivas e empresas como Alcoa, que quen ten que arranxar o problema non é a Xunta, senón a Deputación”.

Neste sentido, o presidente puxo de relevo a inacción do Goberno galego: “A que foi o outro día o señor feijóo a Alcoa? Foi porque lle tocaba sacar a foto do día, pero aportou algunha solución?, propuxo algo?, unha axuda económica ou doutro tipo? Xa que están tan da man de Urkullu nas eleccións, amparándose nel para xustificar as de Galicia, por que non se reflexan no Goberno vasco e fan o mesmo coa industria galega? Aprendan deles, non teñen moito que inventar, copien o seu plan e denlle utilidade aos millóns de euros do IGAPE que deixan sen utilizar. Un bo gobernante inviste no tecido produtivo. Sen embargo, despois de tres mandatos de Feijóo, non existe un plan industrial para Galicia, nin para a provincia de Lugo, nin para A Mariña”.

Pola súa banda, a deputada do BNG, Mónica Freire Rancaño, amosou a súa preocupación pola perda de postos de traballo que xa produciron ás decisións da multinacional estadounidense e advertiu que “Alcoa segue en San Cibrao a mesma estratexia que seguiu na Coruña e en Avilés”. A deputada mariña criticou “a pasividade da Xunta de Galiza e do goberno do Estado que”, dixo, “teñen as competencias en materia industrial e enerxética pero botan balóns fóra sen achegar ningunha solución para os traballadores”.

Reforzos na sanidade pública
Na sesión ordinaria do mes de maio tamén saíu adiante unha moción do Partido Socialista a través da cal se lle solicita á Xunta de Galicia reforzos en materia de Sanidade para minimizar os efectos da pandemia do coronavirus Covid-19 no caso dunha nova onda na comunidade. A proposta saíu adiante cos votos do PSdG e o BNG e en contra do PP. En concreto, pídese que a Xunta deseñe un plan especial para atender a pacientes con Covid-19, pautas especiais para a atención en UCIs e Na Atención Primaria, e un reforzo urxente no cadro de persoal que presta servizo no Sergas.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que “os galegos valoramos positivamente o traballo dos nosos sanitarios, pero valoramos de maneira negativa a nosa xestión sanitaria porque hai 900 camas hopitalarias menos que cando chegou Feijóo á Xunta e fomos vendo como os orzamentos nesta materia foron mermando co paso dos anos, no canto de reforzar e blindar a sanidade pública”.

Plan Reactivación Económica para Lugo
A institución provincial reclamaralle á Xunta de Galicia un Plan de Reactivación Integral Económica para a provincia de Lugo logo de aprobar unha moción do Grupo Provincial Socialista, apoiada polo Bloque Nacionalista Galego e cos votos en contra do Partido Popular. “Nese plan débense ter en conta as situacións particulares dos autónomos, das pemes, da hostalería, do turismo, da cultura, da pesca e, en definitiva, de todos os sectores, para reparar nas necesidades específicas de cada un”, defendeu a voceira do PSdeG.

Antes da chegada do coronavirus a Galicia, subliñou García Porto, estas medidas eran moi necesarias, polo que este novo panorama agravou a súa situación. “As competencias en materia de sanidade, industria, emprego e en cada un dos sectores produtivos son do Goberno autonómico e é a quen lle corresponde atallar a difícil situación pola que pasa o tecido económico lucense”.

Partido Popular

O goberno da Deputación, é dicir, PSOE e BNG, opuxéronse á iniciativa do Partido Popular de deseñar un Plan Poscovid con medidas concretas para reactivar o tecido socioeconómico da provincia. Este foi o resultado da súa votación a unha proposta que, tal e como explicou o voceiro do PP, Javier Castiñeira, consistía en que o organismo provincial destinase 8 millóns de euros dos remanentes a este Plan. Destes, a metade serían para axudas directas ao tecido produtivo e o resto para a contratación de obra pública.

Castiñeira expuxo que a única estratexia do goberno provincial “é a de chegar tarde” e iso que dende o seu Grupo se ofreceron en varias ocasións para sentarse e traballar conxuntamente na desescalada, pero os populares obtiveron sempre a negativa dos dirixentes de San Marcos. É por este motivo polo que dende o PP se viron na obriga de solicitar un Pleno Extraordinario para que o executivo atendese a súa petición. Finalmente, este celebrouse a última hora deste martes, a pesares de que, tal e como dixo o voceiro popular, se podía buscar unha hora máis axeitada porque o tema o requiría debido á situación que atravesa o país.

Javier Castiñeira criticou así “non só a tardanza”, senón tamén “a estratexia de intentar silenciar á oposición; algo que non entendemos, dixo, porque o noso ofrecemento sempre foi colaborar”. “Tivemos que pedir un pleno extraordinario para poder falar; ofrecémonos a traballar como tamén o fixeron outras Deputación; pedimos que se montase unha comisión... e vostede –en alusión ao presidente- rexeitounas. Nestes 65 días nunca nos xuntamos, algo que parece inaceptable nesta situación”, advertiu.

0.083810091018677