A Deputación aproba investimentos en estradas locais de Vilalba
A Deputación Provincial anunciou novos investimentos do Goberno provincial por importe de 1,3 millóns de euros para melloras na rede viaria provincial.
Este orzamento destinarase a mellorar 21 estradas da provincia en Concellos; en total acondicioanrán 44 quilómetros de vías dos municipios de Alfoz, Bóveda, Palas de Rei, Antas de Ulla, Carballedo, Lugo, Vilalba, As Nogais e O Páramo.
O presidente da Deputación destacou que con estas obras o Goberno proponse mellorar as infraestruturas públicas e os servizos para os veciños da provincia, dentro da liña marcada para que a de Lugo sexa unha Deputación social, rural e coas persoas.
En Vilalba investiranse 191.934 euros que se destianrán a obras de rehabilitación en 6,5 quilómetros de 3 estradas. Tratanse da LU-P-6502 “Vilalba (LU-118)-A Balsa-Chavín (LU-161)”, entre os puntos quilométricos 0,606 e 2,126; a LU-P-6506 “Ponte de Saa (N-634)-Ladra-A Parrocha (LU-103)”, do quilómetro 2,730 ao 6,195 e na estrada LU-P-6508 (Vilate (LU-P-6502)-Ribadeo (LU-P-6503), entre os quilómetros 0,137 e 1,750.
Ademais, o Presidente da Deputación informou de que a Xunta de Goberno aprobou a adquisición por mutuo acordo de 3 fincas cunha superficie total de 3.133 metros cadrados para a realización dunha obra en Paradela coa que se vai mellorar a estrada LU-P-4206 de O Loio (LU-633) a San Facundo. O Goberno da Deputación inviste 8.300 euros na compra destes terreos cos que se vai mellorar unha estrada na que se farán obras cun investimento doutros 80.000 euros. As actuacións, nun treito de 400 metros, consisten no acondicionamento do talud existente e a posterior construcción do muro de escollera ao longo do vial, ademais de novas cunetas con baixantes e muros de contención. Tamén se realizarán labores de limpeza viaria co podado das árbores e ramas que invaden as vías, así como a mellora do firme. Con estes arranxos, corríxense as deficiencias construtivas desta vía derivadas do deseño da estrada.