A Deputación aproba investir máis de 500.000 euros a través de convenio en Vilalba e Pedrafita

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres dous acordos de colaboración cos concellos de Vilalba e Pedrafita de Cebreiro, cun investimento conxunto que supera o medio millón de euros. O obxectivo destas actuacións é mellorar infraestruturas, servizos públicos e espazos de lecer para a veciñanza. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen enmarcou estas novas colaboracións dentro do compromiso do Goberno da Deputación cos concellos da provincia. “Mellorar e manter servizos no rural é básico para fixar poboación e unhas boas comunicacións e infraestruturas son imprescindibles para acadar este obxectivo”, subliñou.
Por unha banda, a Deputación achega preto de 263.000 euros para executar intervencións que darán unha nova imaxe ao centro urbano da capital chairega. As obras máis destacadas céntranse na renovación do vial de acceso ao barrio das Fontiñas e na mellora da rúa do Rego, con traballos de repavimentación e drenaxe que mellorarán a mobilidade e a seguridade viaria. O proxecto inclúe tamén a remodelación do parque infantil do Parque Rosalía de Castro, a construción dun novo espazo de xogos no Campo da Feira, a instalación de dúas canastras no pavillón do CEIP Mato Vizoso e a compra dunha plataforma aérea telescópica con camión portador para facilitar labores de mantemento municipal.
“Son un conxunto de actuacións que van permitir mellorar a mobilidade, a seguridade viaria e dotar a Vilalba de espazos máis modernos e funcionais, pensados para o goce das familias e para favorecer a práctica deportiva”, subliñou Pablo Rivera.
Por outro lado, na Xunta de Goberno desta mañá tamén se aprobou un convenio de colaboración co Concello de Pedrafita de Cebreiro, por un importe de practicamente 250.000 euros, que permitirá actuar en varias rúas do núcleo urbano, entre elas a Observatorio, Valecín, a Travesía da Constitución, o Regueiro e a Vía Romana, así como no acceso ao mercado gandeiro, clave para a actividade económica do municipio. O convenio recolle tamén a instalación de letras identificativas co nome da vila nas rotondas de entrada e a adquisición dunha máquina telescópica para reforzar os traballos de mantemento e obra pública.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo tambien acordou licitar por un importe de máis de 1 millón de euros do contrato de conservación e mantemento de estradas de titularidade provincial ao seu paso por catro concellos da Montaña. Trátase do lote 2 que afectan concretamente aso concellos de Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Este contrato, no que se inclúen as actuacións correspondentes de conservación e mantemento desta zona, conta cunha duración de dous anos e poderá prorrogarse por outro ano máis.
Desta forma sinalou Pablo Rivera Capón, “seguimos a avanzar na contratación dos lotes que corresponden a concellos da zona da Montaña para cubrir os vindeiros dous anos toda a rede viaria provincial”, a máis extensa de toda España, con 4.200 quilómetros.