A Deputación aproba o orzamento para a reforma do Bar Centro de Meira e una estrada de Xermade
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un conxunto de investimentos que superan en total máis de medio millón de euros para novas obras e servizos en concellos da provincia que servirán para mellorar o día a día da veciñanza.
Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen incidiu neste sentido en que a institución provincial converteuse nos últimos anos “nunha Administración fundamental para que os 67 concellos desta provincia presten máis e mellores servizos ós seus veciños e veciñas, resultando en moitos casos imprescindible para que poidan ofrecer as prestacións máis básicas”.
Acordou destinar ao Concello de Meira 99.800€ para acondicionar o local Centro de Meira. “Ata fai poucos anos este sitio albergou o Bar Centro, na Praza Maior de Meira. Agora, converterase nun lugar onde se poderá desenvolver calquera actividade que teña como fin dinamizar a vida cultural desta localidade nun lugar estratéxico, pois a Praza Maior aglutina un alto porcentaxe da vida comercial desta comarca”, asegurou a Deputada.
Mellora dunha estrada en Xermade
Así mesmo, na sesión de hoxe aprobouse a licitación das obras para a rehabilitación do firme da estrada provincial LU-P-2201 ao seu paso polo núcleo urbano do concello de Xermade, entre os quilómetros 3,6 e 5,4. O investimento alcanza practicamente os 140.000€ e o prazo de execución será de 2 meses, unha vez comecen os traballos.
“Continuamos co importante esforzo que levamos realizando durante todo este mandato para mellorar a mobilidade nos máis de 4.200 quilómetros de estradas que ten a rede da Deputación, a máis extensa de España e tres veces maior ca da Xunta en Lugo”, detallou Pilar García Porto.