A Deputación aproba obras en Muras incluíndo a ponte derrubada polo temporal

TerraChaXa
O proxecto inclúe a reparación integral da estrutura e ademais a reapertura de cunetas, a reparación de desperfectos, a repavimentación e a sinalización horizontal e vertical
ponte-muras-derrubamento
20 Feb 2026

A Xunta de Goberno aprobou estes venres novos investimentos por un importe conxunto que supera os 700.000 euros para continuar mellorando a mobilidade na provincia, neste caso, co acondicionamento de vías municipais e provinciais nos concellos de Negueira de Muñiz, O Vicedo e Muras.

“Estas intervencións responden ao compromiso firme deste Goberno de garantir a seguridade nos máis de 4.200 quilómetros que ten a rede viaria provincial e coa cooperación cos concellos especialmente os máis pequenos e das zonas rurais, tal e como vimos demostrando cada venres nesta Sala de Xuntas”, informou tras a reunión semanal a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto.

Adxudicáronse á empresa Cholo SL as obras de mellora en dúas vías provinciais do concello de Muras, por un importe económico de 250.000 euros. Por unha banda, mellorarase un treito de case 3 quilómetros -do 0 ao 2,915- desde o inicio da LU-P-3402. Esta é a vía que une A Gañidoira coa parroquia de Viveiró e que dá acceso a puntos de interese turístico como o Miradoiro de Mazoi. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización horizontal e vertical.

Por outro lado, a actuación inclúe o arranxo dun tramo de algo máis de 6 quilómetros da LU-P-6502, a estrada que vai de Vilalba a Chavín pola Balsa nos quilómetros comprendidos entre o punto quilómetrico 18,100 ao 24,300. Precisamente neste tramo sitúase a ponte que colapsou onte por mor dos temporais e que mantén a estrada pechada ao tráfico.

O proxecto inclúe a reparación integral da estrutura e ademais a reapertura de cunetas, a reparación de desperfectos, a repavimentación e a sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución de ambos proxectos será de tres meses.

Pilar García Porto sinalou que a mobilidade é un dos principais eixos de acción do Goberno provincial, polo que “as actuacións que vimos de aprobar en Negueira de Muñiz, no Vicedo e en Muras demostran que traballamos sen excepcións, sen importar a cor política, e con especial atención aos concellos máis pequenos e ás zonas rurais”.

⚙ Configurar cookies
0.079698085784912