A Deputación aproba tres convenios cos concellos de Castroverde, Xermade e Pol
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este xoves a firma de tres convenios "para colaborar cos concellos de Castroverde, Xermade e Pol para financiar diferentes actuacións. Porque como sabedes a cooperación cos concellos é outra das liñas de acción prioritarias deste Goberno”, explico o deputado Pabalo Rivera.
Por unha parte, en Castroverde, a institución provincial achegará máis de 220.000 euros para acondicionar accesos e camiños, mellorar a recollida de augas, remodelar instalacións deportivas ou crear unha senda rural. Pola súa banda, o Concello achegará outros 220.000 para chegar a un orzamento conxunto de preto de medio millón de euros.
En Xermade, a Deputación destinará case 100.000 euros á mellora da contorna da praia fluvial de Cabreiros e un camiño municipal desa parroquia. Neste caso, o Concello comprométese a aportar máis de 30.000 para chegar a un orzamento total duns 130.000.
Por último, en Pol, aprobouse un investimento de máis de 100.000 euros para adquirir un edificio que servirá para acondicionar un espazo multiusos e tamén para acometer a rehabilitación dun supermercado. Para estas actuacións o Concello aprobará outros 12.000 para chegar a un orzamento conxunto que supera os 120.000.