A Deputación aproba un investimento de dotacións nos concellos de Chantada e Friol
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar este venres un investimento de máis de 372.000 euros para mellorar a mobilidade e a seguridade no conxunto das estradas da provincia. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión semanal celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos.
No que ten que ver coas obras, en Chantada foron adxudicados os traballos para acondicionar diferentes tramos de dúas vías provinciais á empresa Construcciones Leonardo Miguélez, SL por algo máis de 100.000 euros. Son a LU-P-1803, que une Camporramiro con Castro de Carballedo por Vilaúxe, entre os quilómetros 1,3 e 4,2; e a LU-P-1818, que conecta os núcleos de Xedive e Vilaúxe.
En ámbolos dous casos, as obras consisten na reapertura de cunetas, a limpeza da drenaxe, a reparación do firme, a pavimentación e a sinalización vertical. O prazo de execución é de menos de 2 meses.
En Friol foron adxudicados os traballos para acondicionar un tramo de máis de dous quilómetros da LU-P-2104, por un importe de máis de 62.000 euros, á empresa Cholo SL. As obras, que afectarán ao treito comprendido entre o inicio da vía e o punto quilométrico 2,7, consistirán na apertura de cunetas, reparación dos danos e repavimentación. O prazo de execución será de dous meses desde o inicio das obras.
“Esta é unha actuación importante para o concello de Friol porque esta estrada vertebra a parroquia de Xiá, conectando Portadornas e Lameiro”, valorou o Deputado.