A Deputación aproba unha declaración institucional contra a violencia de xénero

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Voceiros da Deputación de Lugo aprobou nunha reunión convocada para este xoves polo Presidente, José Tomé Roca, unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, na que os tres grupos representados na Corporación -PSdeG, BNG e PPdeG- condenan a violencia machista.
xunta voceiros deputacion
23 Nov 2023

A Xunta de Voceiros da Deputación de Lugo aprobou nunha reunión convocada para este xoves polo Presidente, José Tomé Roca, unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, na que os tres grupos representados na Corporación -PSdeG, BNG e PPdeG- condenan a violencia machista. O documento acordado será ratificado polo Pleno o vindeiro martes.

Na declaración, a Deputación reafirma o seu compromiso coa erradicación da violencia de xénero, dende o convencemento de que “só terminaremos con esta lacra social traballando xuntos e xuntas: todas as administracións, o poder lexislativo, o xudicial e a Fiscalía Xeral do Estado, as forzas e corpos de seguridade, as organizacións sociais especializadas en violencia de xénero, os medios de comunicación, a comunidade educativa e o conxunto da sociedade”.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Hoxe, 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, a Deputación Provincial de Lugo quere sumarse á lembranza, chea de emoción e afecto, de todas e cada unha das mulleres vítimas, dos seus fillos e fillas, tan vítimas como elas, e das súas familias e amizades.

O machismo criminal ten asasinado en España a máis de 1.236 mulleres desde 2003, con 428 nenos e nenas orfos desde 2013. No que levamos de ano, elévanse a 51 as mulleres que foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas, un número de vítimas superior ao dos tres anos anteriores. E que debe facer reflexionar a todos os que, por motivos ideolóxicos ou por tacticismos mal entendidos, negan a existencia deste tipo de violencia ou a definen con nomes que tentan minimizala.

Por iso hoxe, como todos os días do ano, manifestamos a nosa condena absoluta ante a violencia de xénero, porque nin a violencia nin os maltratadores teñen cabida na nosa sociedade. Reafirmamos o compromiso desta Deputación coa erradicación da violencia de xénero, dende o convencemento de que só terminaremos con esta lacra social traballando unidos: todas as administracións, o poder lexislativo, o xudicial e a Fiscalía Xeral do Estado, as forzas e corpos de seguridade, as organizacións sociais especializadas en violencia de xénero, os medios de comunicación, a comunidade educativa e o conxunto da sociedade.

A educación e a formación son dous piares fundamentais para acabar coas desigualdades entre homes e mulleres e erradicar a violencia machista. Preocúpanos especialmente como este tipo de violencia, no canto de retroceder, está a instalarse con forza entre a mocidade. A xuventude está moi exposta ás novas formas de violencia, como o control nas redes sociais e a situación actual require dun esforzo maior para atallar canto antes estes comportamentos. Ademais, as redes sociais e o uso irresponsable da internet expoñen aos mozos a formas graves de vulnerabilidade e violencia como a explotación sexual ou a pornografía.

Nesta loita é preciso apuntar tamén estratexias específicas de actuación no mundo rural, no que este problema adopta un perfil propio. Na nosa provincia temos visto como o emprego das novas tecnoloxías se levaba ás festas tradicionais para violentar a intimidade das mulleres e non se pode permitir que isto pase de novo. A falta de medios estrutural no medio rural afecta máis ás mulleres, que poden ter maiores dificultades para acceder á información, ou para desenvolver a súa mobilidade de xeito independente. Por iso defendemos a necesidade de garantir o pleno acceso das mulleres do rural a todas as medidas deseñadas para erradicar a violencia de xénero dun xeito pleno e igual ó das mulleres que residen nun entorno urbano.

A experiencia confirma que, canto máis próxima é a Administración, máis eficaces son as medidas de sensibilización, de educación ou de detección precoz, e mellor é a resposta de urxencia ou o seguimento dos servizos. Conscientes diso, as entidades Locais exercemos un papel fundamental no desenvolvemento e implantación das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero asinado en 2017, do que instamos a renovación en sede parlamentaria, segundo o compromiso acadado na XIV lexislatura.

Dende a Deputación, apoiamos o desenvolvemento de programas de concienciación e educación por parte dos concellos, ó tempo que consideramos imprescindible desenvolver itinerarios de inserción laboral para as vítimas. E reclamamos tamén a ampliación da rede de Centros de Información da Muller na nosa provincia, cun maior achegamento de fondos para poder desenvolver as súas funcións.

Esta é unha loita longa, chea de momentos amargos, na que calquera cifra superior ás 0 vítimas supón un fracaso social. Pero lonxe de desanimarnos, iso debe darnos máis forza para seguir traballando ata lograr erradicar un estigma que, mentres pervive, nega as bases de dereitos universais e igualdade sobre as que se asenta o noso sistema democrático. A violencia contra as mulleres non ten cabida na sociedade e temos que seguir traballando para que pase canto antes ó arquivo dos erros pasados da historia, porque a defensa das mulleres é a defensa dos dereitos de todos os seres humanos.

0.14690613746643