A Deputación aproba unha declaración institucional en apoio ás peticións dos traballadores de Alcoa

TerraChaXa | AMariñaXa
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou ao Pleno deste martes unha declaración institucional que recolle textualmente as peticións dos traballadores de Alcoa que lle trasladou directamente o Comité de Empresa.
53032364_202913543998414_7295337861648220160_o
27 Mar 2019

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou ao Pleno deste martes unha declaración institucional que recolle textualmente as peticións dos traballadores de Alcoa que lle trasladou directamente o Comité de Empresa. Campos Conde destacou que “creo que a situación de Alcoa debe quedar ao marxe de calquera discusión política, pois hai 2.000 familias da Mariña que viven directa ou indirectamente do funcionamento desta factoría, vital para economía da provincia. Temos que estar ao lado dos nosos veciños e aproveitar que por primeira vez se presentase un estatuto da industria electrointensiva para facer as aportacións necesarias que garantan o futuro de Alcoa”.

Declaración institucional

A declaración institucional recolle o texto íntegro do Comité de Empresa de Alcoa, apuntando o seguinte: As industrias electrointensivas son as que dependen en moi grande medida da electricidade para o seu proceso produtivo. Por iso, calquera variación significativa ou incerta sobre os prezos da electricidade aféctalles dun xeito directo.

Unha parte destas industrias estiveron acollidas á Tarifa G-4, eran as que tiñan un só punto de conexión superior a 100 MW e unha utilización da potencia contratada superior a 8.000 horas/anuais, tiñan a contraprestación da interrompibilidade sen compensación económica pero garantíalles un prezo estable da electricidade.

No 2013, esta tarifa foi eliminada, pasando estes grandes consumidores ao sistema de poxas pola interrompibilidade polo que a cambio de garantir a súa desconexión á rede, no caso de que esta non soportase a demanda, se lles permitía seguir mantendo un prezo competitivo da electricidade e continuar co seu proceso produtivo.

Pero o sistema de interrompibilidade ten graves problemas que son insalvables: 1.- Ao ser unha poxa suxeita ás normas europeas de competencia, implica que necesariamente non todas as industrias van a conseguir os paquetes, polo que as que queden fóra están abocadas ao peche. 2.- A desigualdade que o custe da enerxía eléctrica supón no proceso produtivo do aluminio, preto dun 40% con respecto ás demais industrias hiper-electrointensivas, un 20% a que máis se achega, supón acudir as poxas en inferioridade de condicións. 3.- Non garante que se consiga o prezo da corrente incluso conseguindo os paquetes necesarios. 4.- A Unión Europea ten apercibido ao goberno por este sistema, pois considérao unha axuda de estado.

Outro singular aspecto perverso é que pode ser de utilidade para que unha empresa que pretenda deslocalizar os centros produtivos poida argumentar con facilidade a condición de crise por causas obxectivas só con deixarse quedar fóra do sistema na poxa.

Por estes motivos, o Comité de Empresas de Alcoa en San Cibrao propón que nas alegacións que as administracións presenten ao estatuto de consumidores electrointensivos se regule a tarifa desta industria dun xeito máis xusto e equitativo, recoñecendo o status da industria hiper-electrointensiva, coa creación dunha tarifa industrial estable, con variacións predicibles, á que se poden acoller os grandes consumidores baixo o cumprimento dunha serie de requisitos de consumo, potencia contratada e dispoñibilidade de interrupción de subministro para a xestión da demanda e prezos do sistema eléctrico.

As liñas básicas desta proposta son: - Modificar o sistema tarifario para que as industrias hiper-electrointensivas non soporten os seguintes peaxes que non forman parte do custe de produción da enerxía: primas renovable, custes extrapeninsulares, pagos por capacidade, 2ª parte do ciclo do combustible nuclear e déficit tarifario. Peaxes que deben ser asumidas polos Orzamentos do Estado para non repercutir no resto de consumidores. Por esta rebaixa no prezo da tarifa eléctrica, co esforzo social que supón pasar estas peaxes aos Orzamentos, as empresas, que se acollan a esta tarifa, deberán manter o emprego propio e fixo en todos os seus centros de traballo, así como inversións que garantan a adecuación ás novas tecnoloxías. Medidas que deben ser controladas pola administración pública. - Con cargo aos Orzamentos do Estado, a industria hiper-electrointensiva terá a máxima compensación permitida pola UE por CO2, por competir con industrias instaladas noutros países onde non se limitan as emisión de dióxido de carbono. - Lexislar as opcións de contratos bilaterais entre as empresas hiper-electrointensivas e as compañías eléctricas seguindo o modelo francés que permite asinar contratos a longo prazo 10 anos. Favorecendo así plan industriais e de inversións. - Ademais para producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade, sen que repercuta no funcionamento do sector eléctrico, haberá que retirar do mercado maiorista as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes recoñecidos aprobados a proposta da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. - De manterse algún tipo de compensación pola interrompibilidade dentro do regulamento do estatuto de consumidores hiper-electrointensivos esta será como mínimo de carácter trianual. - Ata a entrada en vigor desta nova tarifa, que é urxente e inaprazable, manterse con carácter transitorio, para as industrias electrointensivas as poxas de interrompibilidade, mantendo a media dos importes dos últimos anos, cos mesmos bloques e recuperando o aviso previo de parada de 2 horas.

Acordos

Por todos este motivos, solicítase ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte acordo: 1.- Instar ao Goberno galego e ao Goberno español a que se constitúa unha Mesa de Traballo onde estean presentes todos os sectores afectados, sen exclusións e transparente, para desenvolver o estatuto da  industria electrointensiva. 2.- Instar ao Goberno español a que se vaian facendo efectivas de inmediato estas medidas nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2019 e se contemplen no texto definitivo de regulación do estatuto de consumidores electrointensivos as medidas antes sinaladas que nos dotarán dun marco estable para a industria electrointensiva. 

0.18969798088074