A Deputación aproba unha declaración institucional polo 25N

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Xunta de Voceiros acordou o documento que evidencia o compromiso da institución provincial coa erradicación da violencia machista
xunta-voceiros-deputacion-lugo
21 Nov 2024

A Xunta de Voceiros da Deputación de Lugo aprobou nunha reunión convocada para este xoves polo presidente, José Tomé Roca, unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, na que os tres grupos representados na Corporación -PSdeG, BNG e PPdeG- condenan a violencia machista. O documento acordado será ratificado polo Pleno o vindeiro martes.

Na declaración, a Deputación reafirma o seu compromiso coa erradicación da violencia de xénero e que a loita contra esta inxustiza “debe ser un compromiso constante e incansable nas sociedades democráticas”. Así mesmo, fai fincapé en que esta violencia é un problema estrutural que afecta a mulleres e nenas independentemente de fronteiras, culturas ou condicións sociais. Nese sentido, a Deputación de Lugo lamenta as cifras alarmantes de vítimas mortais e denuncia as múltiples formas de violencia –económica, vicaria, dixital e a trata– que permanecen silenciadas. Por iso, reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa erradicación desta lacra, sinalando a especial vulnerabilidade das mulleres no ámbito rural e a necesidade de apoio específico para estas comunidades.

A declaración celebra a recente Directiva 2024/1385 da UE como un paso fundamental para combater a violencia de xénero, instando á súa pronta transposición ao ordenamento xurídico español. Demanda a colaboración de todas as administracións para fortalecer os servizos de atención e mellorar a formación dos profesionais que traballan coas vítimas. Reitera que a resposta debe ser integral, multidisciplinar e centrada en protexer ás mulleres, garantindo que a responsabilidade recaia en quen exerce a violencia, nunca en quen a sofre.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Nas sociedades verdadeiramente democráticas, non cabe acomodarse á inxustiza. A loita contra ela ten que desenvolverse día a día, de xeito constante, coa mesma enerxía que a primeira vez, co mesmo desexo de que cada paso sirva para erradicala definitivamente. Por iso cada 25 de novembro, cando conmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, temos que face-lo dende esa vontade de non conformarse. Porque non se trata de anotar unha data na axenda, senón de traballar para borrar unha lacra da realidade.

Por iso hoxe, e o resto dos días do ano, temos que ser conscientes de que a violencia que sofren as mulleres e nenas polo mero feito de selo sigue sendo un problema estrutural que atravesa fronteiras e culturas. Unha violencia transversal que transcende calquera variante sociolóxica de idade, situación económica, estudos ou lugar de residencia. Dende o ano 2003, 1.284 mulleres perderon a vida en España por este motivo, 71 delas en Galicia, 9 na nosa provincia de Lugo. A esta traxedia debemos sumar as innumerables violencias cotiás que permanecen moitas veces invisibles e silenciadas: a violencia económica que priva ás mulleres da súa independencia; a violencia vicaria, onde os fillos e fillas son utiliza-dos como instrumentos de sufrimento; a violencia dixital, que se manifesta en ameazas, acoso e chantaxe na contorna virtual; e a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, unha das formas máis crueis de escravitude contemporánea.

Dende a Deputación de Lugo queremos reafirmar o noso compromiso coa loita pola igualdade e coa erradicación da violencia contra as mulleres. Unha tarefa que corresponde a toda a sociedade como parte dun esforzo colectivo para transformar as estruturas que perpetúan o machismo e a desigualdade. Unha tarefa na que os concellos pequenos, de ámbito rural, precisan toda a cooperación posible do resto das administracións do Estado. Porque se é certo que a violencia contra as mulleres é transversal, a resposta á mesma tense que adaptar á especificidade do medio no que se desenvolve. E a situación das mulleres no rural, con menos acceso a servizos públicos, con maior peso das estruturas tradicionais, con menos centros de información ou postos das forzas e corpos de seguridade, incrementa os factores de risco.

No conxunto do mundo, as forzas contrarias á democracia actúan sempre recortando os dereitos das mulleres. Por iso este ano, celebramos un avance crucial no ámbito europeo: a Directiva 2024/1385 do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de maio de 2024, sobre a loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica. É unha norma que marca un fito na protección dos dereitos das mulleres, establecendo medidas para combater a violencia de xénero e garantir o acceso á xustiza e a protección das vítimas. Obriga aos Estados membros a adoptar medidas que fortalezan os servizos de apoio, aseguren unha adecuada resposta penal mediante a tipificación de novos delitos -como, por exemplo, o ciberacoso- e que promovan a cooperación transfronteiriza, garantindo que ningunha muller quede desprotexida polas fronteiras internacionais.

Por este motivo, instamos ao Goberno de España a proceder canto antes á transposición desta directiva ao ordenamento xurídico e normativo nacional, co fin de garantir que as vítimas de violencia de xénero reciban toda a atención e protección necesarias, de acordo cos estándares europeos. Así mesmo, instamos a todas as administracións competentes a redobrar esforzos na formación continua dos profesionais que interveñen na atención ás vítimas, co fin de garantir unha resposta especializada e de calidade que cubra todas as súas necesidades desde un enfoque integral e multidisciplinar. Que garanta que reciben non só xustiza e atención, senón o alento que a sociedade lles debe. Porque xa é tempo de que a vergoña caia sobre quen exerce a violencia, e non sobre quen a sufre.

0.19264984130859