A Deputación aproba unha nova liña de axudas a entidades asociativas
A Xunta de Goberno aprobou a convocatoria e as bases do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios 2023, unha liña de axudas de concorrencia competitiva que ten unha dotación económica de 300.000€ e dirixida ás entidades asociativas da provincia.
O prazo de solicitude das subvencións abrirase a partir da vindeira semana, unha vez que se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia.
As achegas da institución oscilan entre os 1.000 e os 6.000€, e poderán optar a elas asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia, para realizar investimentos en inmobles ou para equipamentos que sirvan para mellorar a calidade de vida e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. “Son pequenas actuacións que, sen embargo, teñen unha gran relevancia social, polo que con este plan dotamos de máis e mellores servizos ao noso rural, que son fundamentais para fixar poboación”, sinalou a Voceira socialista do Goberno.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou esta mañá a venda de dúas novas parcelas do polígono industrial de Castroverde, por un importe total de preto de 70.000€. A Deputación contribúe así á dinamización do tecido empresarial da localidade e da comarca.