A Deputación arranxa a vía de Marco de Álvare a Caínzos na Pastoriza
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, supervisaron as obras de mellora da estrada municipal dende Marco de Álvare a Caínzos, que contan cun investimento de 80.000 euros do Goberno da Deputación. Concretamente este investimento permitirá o acondicionamento de 2 quilómetros (do 0 ao 2) da LU-044-060, sendo a 1ª fase das obra de mellora desta via.
Trátase do treito dende a estrada LU-P-5501 á LU-P-4404. As melloras, que se executan estes días, consisten no aglomerado en quente e no incremento da sinalización. Esta vía municipal conta coa maior carga gandeira do Concello, pois hai máis de 25 explotacións gandeiras que superan as 2.500 vacas, rexistrando un volume moi elevado de maquinaria pesada.
Campos Conde remarcou que co acondicionamento deste vial damos resposta á demanda veciñal que reclamaba o arranxo desta infraestrutura, e ao mesmo tempo contribuímos a mellorar a calidade de vida das persoas que viven no rural lugués, concretamente en Álvare, un núcleo cunha gran actividade gandeira.
Iglesias Sierra agradeceu o investimento da Deputación no Concello e avanzou que a ultima fase de arranxo desta estrada tamén vai ser financiada con cargo aos investimentos do Plan Único da Deputación 2018. “Serán preto de 45.000 euros os que se investiran para rematar esta estrada desde O Fontao (Álvare) aos Caínzos (A Guarda), dando por finalizado o acondicionamento deste vial”.