A Deputación asina a cesión da rúa Música Crisanto ao Concello de Rábade
José Tomé Roca subliñou que a institución provincial entrega esta vía, que é unha arteria importante para as comunicacións da vila e con moita actividade comercial, despois de investir 150.000€ para o seu acondicionamento e mellora.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves xunto ao Alcalde de Rábade, Xosé Fernández Montes, a cesión da institución provincial ao Concello da Rúa Músico Crisanto, situada nun treito da LU-P-5102 ao seu paso pola vila. No acto, celebrado xunto á propia vía, tamén participaron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o Tenente de Alcalde, Alejandro Martínez.
José Tomé subliñou que a institución provincial entrega esta vía, que é unha arteria importante para as comunicacións da vila e con moita actividade comercial, despois de investir 150.000€ para o seu acondicionamento e mellora. “Actuamos así porque entendemos que é o lóxico entre institucións. Cando a Deputación lle cede unha vía a un Concello, debe entregala en boas condicións de uso e aproveitamento polos veciños e veciñas”, sinalou o presidente.
Entre as actuacións levadas a cabo estivo a renovación do firme, de beirarrúas, de zonas peonís e de zonas de aparcamento, así como das redes de abastecemento e de saneamento, da rede de baixa e media tensión, do alumeado público e da rede de telecomunicacións. Este tramo da vía, na viven uns 500 veciños e veciñas, conta cunha gran actividade comercial e linda con infraestruturas básicas como o campo da feira ou a pista polideportiva.
“As obras de mellora da Rúa Músico Crisanto e a súa cesión ó Concello, son resultado do firme compromiso que temos na Deputación de Lugo para cooperar cos 67 concellos da provincia. Unha colaboración, que é a razón de ser da propia Deputación”, destacou o mandatario provincial. Así mesmo, incidiu en que “a mobilidade é un dereito básico que mellora a vida das persoas, que axuda a fixar poboación e que resulta un factor decisivo para o dinamismo económico”.
A Deputación, co Concello de Rábade
Dentro desta liña de colaboración cos concellos, a Deputación de Lugo destinou no que vai de mandato preto de 600.000€ a Rábade, no que se inclúen os traballos na Rúa Músico Crisanto.
Así, neste ano 2022, a institución provincial inxecta máis de 195.000€ ao Concello a través do Plan Único para a mellora de infraestruturas, creación de emprego e actividades culturais. En concreto, a institución provincial destina preto de 150.000€ á humanización da contorna da Praza Castelao, unha actuación importante para o día a día da veciñanza. Estes fondos do Plan Único tamén se dedican ao funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar con máis de 20.000€, á creación de emprego con 17.500€ ou a organización da cita cultural A Rabaca 2022, con 9.000€.
“Con este Plan aportamos cada ano recursos económicos ós concellos cuns criterios de reparto transparentes e obxectivos, algo totalmente distinto ó que fan outras Administracións, como a autonómica”, sinalou o presidente.
Outras das actuacións importantes que se fixeron nos últimos meses grazas ao investimento da Deputación de Lugo foi a renovación completa da Rúa José Pardo Montenegro, cunha achega de 131.000€.
Na súa visita ao concello de Rábade, o presidente da Deputación avanzou que, dentro do compromiso de apoio da institución aos concellos, “estableceremos novas colaboracións co Concello de Rábade, que en breve estaremos en disposición de concretar”.