A Deputación axudará na adecuación dun inmoble para centro de día no Valadouro
A voceira socialista da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, informou de que saíu adiante un convenio de colaboración a través do que a Deputación achega 114.000 ao Concello do Valadouro para varias actuacións, como a adquisición de bombas de recirculación de auga para a piscina municipal, a adecuación dun inmoble para o uso de centro de día e a elaboración dun proxecto de construción de vivendas en Ferreira do Valadouro.
A Deputada explicou que este proxecto ten como finalidade “a creación dunha bolsa de vivendas de protección oficial no centro de Ferreira, cerca dos principais servizos: centro de saúde, colexio, Casa da Cultura, parques, restaurantes e comercios locais, o que suporá un incentivo para a actividade económica do Valadouro”.
“Esta iniciativa municipal que impulsa a Deputación busca fixar poboación nun concello rural, promovendo que as novas xeracións poidan quedarse a vivir en Ferreira e evitar que se vaian a outras localidades”, engadiu.
A previsión inicial é construír 22 vivendas, nun edificio que terá un soto con 22 prazas de garaxe, 22 trasteiros, planta baixa con locais comerciais, 3 alturas e 1 planta baixacuberta.
Os prezos das vivendas estarán regulados e serán asequibles, co obxectivo de facilitar ao máximo o acceso ás mesmas.