A Deputación axudará na formación de redeiras para conseguir relevo xeracional

TerraChaXa | AMariñaXa
A Deputación axudará na formación de redeiras para conseguir relevo xeracional. Así impulsará un proxecto de integración da muller.
14 Nov 2020

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou este venres de que a Xunta de Goberno aprobou un convenio coa Unión de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia que ascende a preto de 39.000€ para impulsar un proxecto de integración da muller no mercado de traballo. En concreto, “o obxectivo é formar ás mulleres que queiran desenvolver a súa carreira profesional no sector do mar facendo o traballo de redeiras e, ademais, darlles as claves para que poidan exercer este traballo por conta propia”, explicou Tomé Roca.

“Esta é unha formación importante porque somos conscientes de que as redeiras viven nun momento crucial. Case non existe relevo xeracional e están asumindo unha gran carga de traballo para a cal non hai man de obra dabondo, polo menos de momento”, subliñou o Presidente. “Agora mesmo, as redeiras teñen que derivar encargos a outras zonas de Galicia porque non poden con medios propios responder á demanda que hai”.

O convenio recolle un plan de 370 horas para que as participantes adquiran toda a formación necesaria para presentarse ás probas de capacitación profesional previstas para os vindeiros meses, un requisito fundamental para exercer este traballo que dá máis posibilidades de inserción laboral. O programa formativo recolle cuestións específicas para exercer correctamente en todas as artes de pesca que se traballan na costa galega, pero tamén uns módulos con coñecemento básicos sobre o funcionamento dunha empresa.

“Queremos que ademais de aprender un oficio no que escasean profesionais cualificadas, aprendan de fiscalidade, xestións administrativas, xestión do comercio, idiomas, xestións de redes sociais e doutros moitos aspectos que son necesarios hoxe en día para traballar por conta propia”, indica Tomé Roca.

Este plan vai dirixido a mulleres en situación de desemprego ou que se atopen nunha situación de precariedade laboral. A pesca é un dos grandes motores da provincia, e na comarca da Mariña este sector xera entre 5.000 e 6.000 empregos e demanda persoal case de forma continua para as Confrarías de Pescadores de Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1656539440155