A Deputación celebra a súa primeira mesa de contratación telemática
A Deputación de Lugo celebrou a primeira mesa de contratación da súa historia vía telemática, unha sesión que foi retransmitida por streaming na canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais da institución. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliña que esta fórmula permite avanzar nos procesos de contratación de obras, servizos e subministracións públicos que vén de reactivar a Deputación ao abeiro da decisión do Goberno central de levantar a suspensión deste tipo de procedementos, e facelo con garantías sanitarias para os participantes e con total transparencia.
A mesa de contratación abordou dous expedientes. Por unha banda, a contratación do servizo de coordinación de seguridade e saúde das obras e servizos da Deputación de Lugo, a excepción das dependentes do Parque Móbil e Vías e Obras, que saíu a licitación por un importe de 57.630,76 euros e cunha duración dun ano, prorrogable por outro, e, por outro, o subministro de gasóleo tipo C para o funcionamento das instalacións térmicas dos diferentes centros da institución, que se licita por 45.980 euros por un ano, prorrogable por outro.
O Presidente lembra que a institución vén de reactivar os procedementos de licitación para contratar obras, servizos e subministracións públicos, o que supoñerá “un importante estímulo para a economía da provincia, para o tecido empresarial e, polo tanto, para o mantemento do emprego”, destacou, tendo en conta que, segundo recolle o Plan de Contratación aprobado polo Goberno provincial, a Deputación prevé sacar adiante neste ano máis de 200 contratos por un importe total de preto de 20 millóns de euros.