A Deputación colabora co centro de Fudace de Castro de Rei

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o presidente da Fundación de Dano Cerebral, Luis Abelleira Mayor, asinaron no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración a través do que a institución provincial achega 10.000€ á Fundación de Dano Cerebral para sufragar os gastos que presta no centro residencial que a entidade xestiona nun espazo cedido e recentemente reformado pola Deputación en Castro de Rei.
Segundo explicou José Tomé Roca, “esta colaboración permitirá que os residentes con dano cerebral teñan unha mellor calidade de vida e un benestar social, tendo en conta que son usuarios cun dano cerebral adquirido e sobrevido, cuns altos graos de dependencia”. Engadiu tamén que a achega “reforzará a atención prestada ás persoas con dano cerebral e ás súas familias, asegurando un servizo integral e especializado”.
O centro de Fudace é o único da provincia que atende a pacientes con necesidades complexas e duais, contribuíndo ao coidado especializado e á integración destes usuarios.
O centro de Fudace, situado en Castro Riberas de Lea, opera nas instalacións da antiga Escola Fogar, un espazo cedido pola Deputación no ano 2002 cun acordo vixente ata 2067. As instalacións foron reformadas e ampliadas grazas a unha achega de 135.000€ da institución provincial.
Este centro conta con 28 prazas residenciais para persoas con dano cerebral procedentes de toda Galicia, que son atendidas por un equipo formado por 23 profesionais. Dispón de varios espazos que albergan as estancias dos enfermos, as zonas ocupacionais como piscina e centro de actividades e servizos complementarios como almacén, lavandería, cociña e comedores.