A Deputación comeza as obras de mellora de 3 estradas provinciais na Pontenova
O presidente da Deputación, José Tomé, responsable directo da área de Xestión Territorial, informa de que acaban de comezar as obras de rehabilitación de tres estradas provinciais que discorren polo concello da Pontenova. Uns traballos nos que a institución provincial inviste 313.492 euros.
Trátanse das vías LU-P-4802, que conecta Santalla, Navallo e Ponte Soutelo, entre os quilómetros 8 e 11; da LU-P-4806, que vai dende Vilaxe por Galegos ata Ribeira de Piquín, entre os quilómetros 0 e 2,1; e a LU-P-4809, que une Conforto e Souto de Mogos, entre os quilómetros 0 e 1,23.
As obras consisten na limpeza de cunetas, drenaxe e extensión dunha mestura de bituminosa en quente. “Se as condicións climatolóxicas son axeitadas, os traballos quedarían rematados a finais de marzo, principios de abril”, explica o presidente.