A Deputación contrata as prestacións na residencia de Pol, que abrirá en abril
O voceiro do Executivo da Deputación, Álvaro Santos Ramos, xunto ao Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, informou sobre a aprobación na Xunta de Goberno da contratación das prestacións de limpeza, manutención e asistencia básica para o centro de maiores de dito municipio chairego. Son 1,9 millóns de euros para 4 anos. A adxudicataria resultou ser Mensajeros de la Paz debido ás melloras ofertadas e á redución de custes á administración, pois exime á Deputación do pago do 4% polo IVE.
Entre as melloras ofertadas destacan as 78 horas mensuais de actividades para o envellecemento activo dos maiores; atención especializada en áreas como nutrición, respiración, hidratación, hixiene persoal, mobilidade ou traslados; a prestación de servizos complementarios e gratuítos como sesións mensuais de podoloxía, peluquería ou barbería; menús adaptados a cada maior por nutricionistas; pratos elaborados con produtos da tempada, con certificación de orixe e mercados en establecementos da zona; pratos especiais en aniversarios, celebracións, visitas de familiares que poderán comer cos seus maiores...; servizo de limpeza continúa, con produtos respectuosos co medio ambiente, reciclaxe, separación de residuos...; prestación dun servizo de lavandería continuo e que inclúe traballos de xastrería...
Vén de abrirse o prazo de solicitude das prazas do centro de maiores de Pol. Este proceso estano a desenvolver traballadores sociais do Concello e Deputación, que avalían as necesidades e situación de cada maior para establecer o prezo en función da súa capacidade económica, pois fixouse que sempre conten cun 25% dos seus ingresos libres para o seu día a día. Hoxe hai 15 veciños de Pol interesados nas prazas. O centro ofrece 36 prazas de residencia e 15 prazas no centro de día. Estas poden ser máis, pois a residencia conta con habitacións dobres e as prazas no centro de día dependen das xornadas (media ou completa) que necesiten os usuarios.
A Xunta de Goberno tamén aprobou iniciar a compra de toallas, sábanas, babeiros...todo o material de lencería para os centros de maiores de Trabada, Pol e A Fonsagrada, pois o de Ribadeo conta co el. O prezo de licitación é de 35.000 euros. Hai 5 días para presentar ofertas.
Situación dos centros de maiores
A día de hoxe, nos centros de maiores de Trabada e Pol estase a instalar o equipamento necesario para ofrecer nas propias instalacións os servizos de cociña e lavandería. A Deputación contratou en semanas pasadas este equipamento porque os edificios non o tiñan. Ribadeo conta con el. Os centro de Trabada, Ribadeo e Pol dende hoxe contan coas prestacións de limpeza, cociña e asistencia básica. A semana próxima, contrataranse as necesarias para o da Fonsagrada que, a diferenza das anteriores, está á espera de que a Xunta conceda o PIA. Están contratados e traballando como persoal da Deputación os traballadores sociais e os psicólogos. A semana próxima terán lugar os procesos de selección pública de terapeutas ocupacionais e fisioterapeutas, e rematará o de administrativos. Resolto isto, as residencias poderán abrir en abril e maio, sempre que non se admitan as medidas cautelares que os 5 Conselleiros do PP e o non adscrito pediron á xustiza coa presentación de contenciosos administrativos.
Veñen de abrirse as solicitudes para as 200 prazas que ofrecen os 4 centros de maiores. Teñen prioridade de acceso primeiro os veciños destes Concellos, logo os da Comarca e seguidamente lucenses en xeral. Os prezos son en función da capacidade económica de cada usuario e sempre lle quedará libre o 25% dos seus ingresos para o día a día. Deputación financia aos lucenses as prazas nun 75% e, no caso de ser necesario, nunha maior porcentaxes nos municipios de menos de 5.000 habitantes por teren menos recurso. Deste xeito, garántese o acceso universal ás mesmas aos maiores da provincia.