A Deputación convoca de novo o concurso de fotografía sobre as Reservas Terras do Miño e Os Ancares

LugoXa | TerraChaXa
Repartiranse un total de 1.600 euros en premios para os tres primeiros clasificados
primer-premio-concurso-fotos-reservas-biosfera-deputacion
9 Dec 2024

A Deputación de Lugo abre o prazo para a presentación de fotografías no VIII Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera, unha iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor o patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Os interesados teñen de prazo ata o 20 de xaneiro de 2025 para enviar as súas propostas.

Este ano, as fotografías presentadas deben estar baixo o lema O Patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses. Esta actividade, enmarcada no compromiso da institución provincial coa posta en valor destes espazos naturais, conta cunha dotación económica de 1.600€, que serán repartidos entre os tres primeiros clasificados no concurso, con 800€, 500€ e 300€, respectivamente.

A temática desta nova edición busca promover as actividades de lecer en espazos abertos, centrándose nos sendeiros cos que contan estes territorios da provincia e descubrir a riqueza do patrimonio natural e cultural da provincia. As imaxes presentadas deben centrarase en elementos representativos do patrimonio etnográfico, como hórreos, muíños, aceas, lavadoiros, fontes, pontellas, cortíns, pallozas e outras construcións tradicionais, que son un reflexo do bo facer dos nosos devanceiros á hora de aproveitar os recursos naturais de forma sostible, sen comprometer a súa persistencia ao longo do tempo. As fotografías presentadas serán elixidas por un xurado usando criterios de composición, orixinalidade e calidade estética.

As persoas interesadas deberán presentar unha única imaxe, que non pode ter sido premiada en edicións anteriores. As fotografías deben ser enviadas ou entregadas no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos ou remitidas por correo certificado. No caso de presentar a solicitude nun rexistro distinto ao da Deputación Provincial de Lugo, será necesario remitir, na mesma data da presentación, un correo electrónico ao enderezo und.medioambiente@deputacionlugo.org, no que se debe achegar o xustificante da presentación da solicitude no rexistro correspondente.

As imaxes, que poden ser en branco e negro ou en cor, deben ser tomadas dentro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Deben presentarse en formato dixital nun CD ou memoria USB, xunto cunha copia en papel fotográfico. Toda a documentación debe ir dentro dun sobre no que se inclúan os datos persoais do participante, o título da obra e o nome do lugar onde se realizou a fotografía.

As bases completas poden consultarse na páxina web da Deputación.

0.15588402748108