A Deputación convoca os terceiros premios de turismo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno aprobou a convocatoria e as bases dos galardóns Lugo Cambia ao Turismo Lucense e E... para comer, Lugo á Gastronomía.
mapa callejero turismo
26 Mar 2022

A Xunta de Goberno aprobou a convocatoria e as bases dos galardóns Lugo Cambia ao Turismo Lucense e E... para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Tamé foron aprobadas as convocatorias e bases específicas para a constitución de listaxes de emprego temporal na institución provincial: peón ou peoa na Granxa Gayoso Castro e para a reparación de vías provinciais, e oficial de oficios múltiples.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a convocatoria e as bases da terceira edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Como novidade, e de forma exclusiva, a institución provincial inclúe unha terceira modalidade enfocada ao Turismo Sostible.

A voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explicou que “esta nova categoría dos premios, que foi aprobada previamente polo Consello Provincial de Turismo, enmárcase dentro das accións que levaremos a cabo como antesala do evento Copa España Creativa - Fórum Lugo 2022, do que somos anfitrións despois de gañar este certame o pasado ano por un proxecto de recuperación e posta en valor de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá”.

Co Premio Turismo Sostible, asegurou a Deputada, “buscamos recoñecer as iniciativas que, dentro da provincia de Lugo, contribúan a acadar a sustentabilidade turística no eido social, económico e medioambiental”.

En canto aos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense manteñen as bases das edicións anteriores para recoñecer unha traxectoria profesional exemplar ou proxectos e iniciativas concretas no eido do turismo e da gastronomía.

García Porto sinalou que “estes recoñecementos son unha medida máis que promovemos para apoiar, poñer en valor e visibilizar o traballo e a calidade do sector turístico e hostaleiro da nosa provincia, algo especialmente necesario e importante nestes momentos”.

Poden presentarse persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica. As candidaturas poderán ser presentadas a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata.

O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará tres premios nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, respectivamente, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible. Na valoración das candidaturas terase en conta a aportación da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.

Os galardóns, con carácter honorífico, serán entregados o 27 de setembro nun acto público coincidindo co Día Mundial do Turismo. Como nas dúas edicións anteriores, os galardóns, con carácter honorífico, consistirán nun diploma acreditativo e nun agasallo, que será unha peza de artesanía tradicional da provincia.

Está previsto que as bases desta nova edición do certame se publiquen no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o próximo xoves 31 de marzo e, as persoas ou entidades interesadas, contarán con 75 días naturais para formalizar a solicitude, isto é, ata o día 14 de xuño”, apuntou García Porto.

Emprego público

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria e as bases específicas para a constitución de tres listaxes de emprego temporal na Deputación de Lugo para os postos de peón ou peoa na Granxa Gayoso Castro, peón ou peoa para a reparación de vías provinciais e oficial de oficios múltiples.

A voceira socialista do Goberno destacou que “estas tres listaxes permitirán incorporar de forma áxil efectivos cando existan motivos de necesidade e urxencia”.

As convocatorias sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia con toda a información necesaria para que as persoas interesadas se poidan inscribir.

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a adxudicación por 6.547,60€ do contrato para o mantemento das licencias de uso do sistema para a xestión do control horario do persoal da institución provincial. Este contrato conta cunha duración dun ano, con posibilidade de ser prorrogado de ano en ano, sen que a duración supere en total os 4 anos.

Cooperación cos concellos

Na reunión deste venres, a Xunta de Goberno aprobou así mesmo a solicitude do Concello de Rábade para destinar remanentes do Plan Único 2021 á renovación de beirarrúas e servizos dun tramo da Avenida da Coruña da localidade cunha achega provincial de 17.350,56€.

Ademais, saíu adiante unha addenda ao convenio de colaboración da Deputación co Concello de Mondoñedo para a adecuación do Miradoiro de Paredóns, ampliando o prazo de execución das actuacións ata o 30 de setembro deste ano e o prazo de xustificación ata o 31 de outubro. A través deste convenio, a institución provincial aporta 150.000 euros ao Concello de Mondoñedo para realizar melloras no propio edificio do Miradoiro e nos accesos.

0.183758020401