A Deputación crea na web de Turismo un novo espazo para a adaptación do sector á nova realidade
A Deputación de Lugo pon a disposición do sector turístico provincial información relevante para facilitar a desescalada e a adaptación á nova realidade xurdida pola crise sanitaria do Covid-19. A través nun novo espazo na páxina web de Turismo, os profesionais e empresas deste sector poden atopar documentación como o Plan de Transición cara a Nova Normalidade establecido polo Ministerio de Sanidade, os servizos de asesoramento gratuíto que ofrece a propia Deputación a empresas, autónomos e emprendedores ou as axudas dispoñibles para o sector.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explica que “esta iniciativa permitirá que un dos sectores económicos máis importantes da nosa provincia e un dos máis afectados pola crise sanitaria poida atopar toda a información nun solo click e axudar deste xeito que as empresas reabran coa máxima seguridade”.
Ademais, pódese atopar un manual de boas prácticas, recursos de formación, informes de incidencia do Covid-19 no sector e recomendacións da Organización Mundial do Turismo. García Porto afirma que “os empresarios e emprendedores atoparán nesta páxina un aliado para a nova normalidade”. Pode accederse a través do apartado Espazo Profesional da páxina de Turismo da Deputación de Lugo e estará en permanente actualización (http://turismo.deputacionlugo.gal/gl/espazoprofesional/covid19).
O impulso do turismo é unha das grandes apostas da Deputación de Lugo e, co obxectivo de reforzar as experiencias e promocionar o patrimonio da provincia, durante a crise sanitaria do Covid-19 activou a aplicación móbil Lugo Cambia 360 a través da que se podía viaxar desde a casa.
Neste senso, a Deputada lembrou ademais que a Deputación, tal e como xa avanzou o Presidente, José Tomé Roca, aos axentes sociais e económicos da provincia, traballa no deseño dunha campaña estratéxica de promoción dos sectores produtivos, comerciais, hostaleiros e turísticos para a súa reactivación dunha maneira estable e eficaz. No referido ao turismo, a Deputación impulsará a provincia de Lugo como un destino seguro, saudable e de calidade, centrado en valores como a tranquilidade ou a sustentabilidade, e potenciando atractivos como a natureza, o rural ou a enogastronomía.