A Deputación da Coruña fará un novo acceso directo a As Pontes desde a AG-64

TerraChaXa
O proxecto contempla a ampliación e mellora da DP 7703 para convertela "nunha vía de acceso amplo, seguro e rápido"
novo-acceso-ag64-as-pontes
2 Nov 2024

A Deputación da Coruña ampliará e mellorará o trazado da estrada provincial DP 7703 de Medoñas a Ponte Souto en Aparral para convertela "nun novo acceso directo ao núcleo das Pontes desde a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, evitando así que o tráfico teña que atravesar o polígono industrial de Airios".

Así o anunciou o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, durante unha visita á zona na que estivo acompañado polo concelleiro responsable de Obras, Infraestruturas, Medio Ambiente e Medio Rural, Roberto Rivera, e por técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial.

Formoso encargou aos técnicos de Vías e Obras da Deputación a redacción dun proxecto co obxecto de mellorar o trazado da estrada DP 7703, eliminando as curvas pronunciadas existentes nos primeiros quilómetros da vía e ampliando a súa plataforma ao longo de toda a estrada, o que permitirá que o tráfico procedente da autovía poda circular en condicións de seguridade, evitando o paso pola estrada que atravesa o polígono industrial de Airios.

"O acceso actual causa problemas de seguridade vial nun polígono que ten unha elevada ocupación, con máis de 35 empresas instaladas e uns 400 traballadores que usan esta estrada a diario para os seus desprazamentos, ademais do tráfico pesado que soporta pola súa condición industrial", explicou Formoso, que considerou que "con este novo acceso este ás Pontes melloraremos a seguridade e fluidez do tráfico, evitaremos molestias aos empresarios que están alí instalados e melloraremos tamén a imaxe no acceso ao centro das Pontes desde a autovía, xa que non terá que facerse a través dun polígono industrial".

Formoso incidiu en que estas obras darán resposta a unha antiga demanda das asociacións veciñais de Chamoselo e Aparral, así como dos empresarios instalados no polígono de Airios, "creando un acceso amplo, seguro, cómodo e rápido entre a autovía e o centro da vila".

O departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña comezará agora o proceso de redacción do proxecto técnico, que se prevé que poda estar completado no primeiro trimestre de 2025, coa intención de dotar orzamento e executar as obras ao longo do ano 2026. Os técnicos da administración provincial estiman que será necesario un investimento de arredor de 2 millóns de euros para completar unha obra que permitirá crear este novo acceso ás Pontes desde a autovía Ferrol-Vilalba.

0.14707207679749