A Deputación da Coruña iniciará a obra dun novo acceso directo ás Pontes desde a AG-64 no 2026

A Deputación da Coruña ampliará e mellorará o trazado da estrada provincial DP 7703 de Medoñas a Ponte Souto en Aparral para convertela "nun novo acceso directo ao núcleo das Pontes desde a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, evitando así que o tráfico teña que atravesar o polígono industrial de Airios". A obra dará comezo en 2026 e contará cun investimento de 1,1 millóns de euros, que xa están consignados nos orzamentos do próximo ano, tal e como o anunciou o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.
Formoso encargou aos técnicos de Vías e Obras da Deputación a redacción dun proxecto, que xa está moi avanzado, co obxecto de mellorar o trazado da estrada DP 7703, eliminando as curvas pronunciadas existentes nos primeiros quilómetros da vía e ampliando a súa plataforma ao longo de toda a estrada, o que permitirá que o tráfico procedente da autovía poda circular en condicións de seguridade, evitando o paso pola estrada que atravesa o polígono industrial de Airios.
"O acceso actual causa problemas de seguridade vial nun polígono que ten unha elevada ocupación, con máis de 35 empresas instaladas e uns 400 traballadores que usan esta estrada a diario para os seus desprazamentos, ademais do tráfico pesado que soporta pola súa condición industrial", explicara Formoso nunha visita técnica ao lugar, que considerou que "con este novo acceso este ás Pontes melloraremos a seguridade e fluidez do tráfico, evitaremos molestias aos empresarios que están alí instalados e melloraremos tamén a imaxe no acceso ao centro das Pontes desde a autovía, xa que non terá que facerse a través dun polígono industrial".
Formoso incidiu en que estas obras darán resposta a unha antiga demanda das asociacións veciñais de Chamoselo e Aparral, así como dos empresarios instalados no polígono de Airios, "creando un acceso amplo, seguro, cómodo e rápido entre a autovía e o centro da vila".