A Deputación dá o último paso para entregar o polígono de Cospeito
Goberno provincial asumiu o pasado mandato o proxecto do parque empresarial, que estaba en mans da extinta Suplua, e na actualidade xa ten completados todos os traballos de urbanización que lle correspondía acometer.
A Xunta de Goberno aprobou este venres o último paso administrativo para que a Deputación de Lugo poida entregar ao Concello de Cospeito o polígono industrial que construíu a institución provincial cun investimento de 1,3 millóns de euros.
Así o anunciou este venres a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen lembrou que foi “este Goberno provincial o que no ano 2020 asumiu o proxecto de construción do polígono industrial de Cospeito, que estaba en mans da extinta Suplusa”, e a día da hoxe “a Deputación xa ten completados todos os traballos de urbanización que lle correspondía acometer”. As obras consistiron no movemento de terras, instalación das redes de saneamento, pluviais, abastecemento, alumeado público, telecomunicacións, gas, centro de transformación e sinalización do complexo.
Desta forma, a institución cumpriu con todas as obrigas que lle atribúe o convenio de colaboración firmado en xuño de 2005 entre a propia entidade provincial, o Concello e a extinta Suplusa para a construción do polígono. Polo tanto, “a Deputación está en condicións de proceder á entrega do parque empresarial ao Concello, de poder iniciar o expediente para a venda das parcelas e de formalizar as reservas de solo existente”, explicou a Voceira socialista.
De feito, a Xunta de Goberno aprobou fixar como data para a sinatura da Acta de Recepción do polígono o vindeiro 8 de marzo. Ademais, acordou comunicar ao propio Concello que debe dar cumprimento ao disposto na cláusula cuarta do convenio de colaboración, que dispón “que lle corresponde á entidade local dotar ao complexo dos servizos necesarios de auga e sumidoiros, con capacidade suficiente para a demanda industrial”, os servizos que faltan para que a infraestrutura poida entrar en servizo, asegurou Pilar García Porto.
A deputada valorou que “estamos ante unha boa nova para Cospeito e para o seu tecido empresarial, pois poderán contar cun polígono para consolidar ou ampliar as súas instalacións actuais, e tamén para atraer novas actividades empresariais”.