A Deputación de Lugo abre o prazo para participar na quinta edición de “Da Escola á Granxa”

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O programa educativo ofrece axudas de entre 300 e 1.100 euros para que alumnado de infantil e primaria visite granxas e proxectos agroalimentarios da provincia
Pita-pita-choca-Da-Escola-á-Granxa-Deputación-de-Lugo
16 Mar 2026

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha a quinta edición do programa educativo “Da Escola á Granxa”, unha iniciativa que promove actividades didácticas en granxas, explotacións agrarias e proxectos de emprendemento vinculados ao medio rural.

As asociacións de nais e pais de centros de educación infantil e primaria poden solicitar a participación no programa ata o 15 de abril. A iniciativa contempla subvencións que oscilan entre 300 e 1.100 euros destinadas a financiar tanto o desprazamento do alumnado como o desenvolvemento das actividades incluídas no catálogo do programa. Este catálogo está integrado por 45 granxas e proxectos agroalimentarios distribuídos por diferentes puntos da provincia.

Nesta nova edición, o programa amplía e diversifica a súa oferta coa incorporación de sete novas explotacións con respecto á convocatoria anterior. A proposta educativa abrangue producións moi variadas, que van desde a elaboración de mel, o cultivo de froita ou produtos da horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar. Tamén se inclúen proxectos dedicados á elaboración de queixos e outros produtos lácteos, marmeladas, embutidos, galletas ou conservas.

O deputado de Rural, Daniel García, agradeceu ás granxas participantes a súa implicación no deseño das actividades destinadas ao alumnado. Segundo destacou, estas visitas permiten amosar aos nenos e nenas “a importancia do sector primario tanto na produción de alimentos como na conservación do territorio”. Ademais, subliñou que a rede de iniciativas incluídas no catálogo educativo reflicte a aposta polas granxas familiares, polos modelos de produción sostibles e pola diversificación produtiva que a área de Rural promove a través de diferentes programas.

García tamén animou á comunidade educativa a sumarse a esta proposta formativa e explicou que nesta edición o programa se reforzou tanto desde o punto de vista económico como no ámbito didáctico. O orzamento global incrementouse nun 20 por cento e tamén se incorporaron novos materiais educativos e lúdicos, entre eles o libro Os Bolechas van da Escola á Granxa e o xogo O Xogo da Pita Choca.

A convocatoria, publicada este sábado no Boletín Oficial da Provincia, conta cun orzamento total de 250.000 euros, o que supón 50.000 euros máis que na edición anterior. As bases reguladoras e os formularios de solicitude poden consultarse na páxina web da Deputación de Lugo, dentro do apartado de Medio Rural e do Mar.

Entre as novas incorporacións ao programa figuran a queixería Bisqato, en Guitiriz; a Finca Agroecolóxica O Balado, en Ribadeo, dedicada ao cultivo de produtos de horta e froiteiras e á cría de coellos, ocas e patos; a Gandería Feral, en Outeiro de Rei, especializada en porco celta; e tres producións apícolas situadas en distintos puntos da provincia: Mel Casa da Torre, en Cervantes; Mel das Fadas, en O Incio; e O Espírito da Colmea, en Antas de Ulla. A estas súmase tamén O Muíño de Coea, en Castro de Rei, que combina a elaboración de fariña coa cría de galiña de Mos e Piñeira.

Estas explotacións únense a outros proxectos que xa participaron na edición anterior e que volverán recibir visitas escolares, entre eles iniciativas dedicadas á produción de horta ecolóxica, á gandería extensiva de razas autóctonas, á elaboración de produtos lácteos, á apicultura ou á transformación de alimentos. Tamén repiten cooperativas, granxas familiares e proxectos de emprendemento vinculados á produción sostible repartidos por diferentes concellos da provincia.

Ademais das visitas ás granxas, o programa inclúe actividades complementarias en centros educativos. Neste apartado, o proxecto Tropic Gaia impartirá obradoiros relacionados coa horta e as plantacións nos colexios, mentres que a asociación ADEGA desenvolverá talleres de educación ambiental dirixidos ao alumnado.

0.11584305763245