A Deputación de Lugo adxudica por case 650.000 euros as obras da nova ponte sobre o río Azúmara

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación por case 650.000 euros das obras para a construción da nova ponte sobre o río Azúmara, situada no cinto comarcal.
Así o informou a voceira socialista, Pilar García Porto, tras a reunión semanal na que se deu luz verde a un investimento en mobilidade superior aos 800.000 euros.
García Porto explicou que o Grupo Bascuas será o encargado da construción da ponte, así como do ensanche e mellora da estrada LU-P-1611 no tramo situado no límite municipal entre Pol e Castroverde. A empresa executará os traballos cun orzamento de 648.321,13 euros e un prazo de nove meses para a súa finalización.
Os traballos afectarán a algo máis de 1,3 quilómetros, desde o quilómetro 106,5 ata o 107,887, e consistirán na demolición da plataforma antiga, a construción dunha nova estrutura, a pavimentación con aglomerado en quente, o pintado da vía e a instalación de balizas e defensas. Ademais, as obras incorporarán unha serie de medidas ambientais, como a plantación de árbores.
A deputada valorou que esta actuación suporá unha mellora importante en termos de seguridade e comodidade, xa que se ampliará o ancho da vía ata os 11 metros na zona da ponte e ata os 8 metros no seu acceso, o que ofrecerá aos condutores unha plataforma para circular con maiores capacidades.
Así mesmo, lembrou que, neste caso, foi necesario iniciar un novo proceso de contratación debido a circunstancias alleas á Deputación, pero que coa aprobación desta adxudicación está todo listo para comezar as obras de maneira inmediata.
OUTRAS ACTUACIÓNS NO CINTO COMARCAL
A deputada tamén indicou que a Deputación mantén en marcha outras actuacións no cinto comarcal, sinalando que está previsto rematar os traballos en dous tramos situados en Begonte e Castro de Rei, cunha inversión de 375.000 euros. Ademais, no Corgo están en proceso de contratación obras para a renovación do pavimento por máis de 160.000 euros.
Finalmente, Pilar García Porto subliñou que o Goberno provincial mantén un firme compromiso coa mobilidade na provincia, entendendo a súa importancia para o equilibrio territorial, e que o demostra con feitos, Xunta de Goberno tras Xunta de Goberno, traballando con axilidade, eficacia e compromiso para manter a rede de estradas máis extensa de todas as provincias españolas, que supera os 4.200 quilómetros.