A Deputación de Lugo apoia o empoderamento das mulleres rurais cunha achega a Fademur

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O programa inclúe a creación da rede Apoderadas, un espazo de encontro e visibilización de proxectos liderados por mulleres
sinatura-convenio-deputacion-fademur
8 Oct 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos coa presidenta da Federación de Asociación de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), Verónica Marcos Arrojo, un acordo a través do que a institución provincial achega 50.000€ para o desenvolvemento do programa Empoderamento da Muller no Rural. Esta iniciativa, que ten por obxectivo fortalecer o papel da mulleres no desenvolvemento social e económico das zonas rurais da provincia conta cun orzamento total de 53.000 euros.

A través deste proxecto, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais ofrecerá servizos de información e asesoramento xurídico, apoio en materia de emprego e emprendemento, accións formativas e creación de redes de socialización, co fin de mellorar as oportunidades, a autonomía e a participación das mulleres que viven en contornos menos poboados.

José Tomé destacou que “as mulleres do rural teñen un papel decisivo na dinamización do territorio, e con esta iniciativa queremos visibilizar o seu traballo, apoiar o seu emprendemento e reforzar a súa presenza en todos os ámbitos da vida rural”. Por este motivo, resaltou que esta colaboración da institución provincial con Fademur “beneficiará a máis de 150 mulleres da provincia e favorecerá a igualdade de oportunidades e o dinamismo económico nas zonas rurais”.

Entre as accións máis destacadas do programa figura a creación da rede Apoderadas, un punto de encontro e intercambio de experiencias no que participarán arredor de 400 mulleres rurais da provincia, que permitirá visibilizar os proxectos de emprendemento feminino e impulsar novas sinerxías entre profesionais e emprendedoras.

Fademur-Galicia é a Federación que agrupa a 64 Asociacións de Mulleres Rurais en toda a comunidade. A súa misión é promover a igualdade, o progreso e o empoderamento das mulleres do medio rural, ofrecendo apoio e acompañamento en ámbitos socio-laborais, educativos e sociais, así como fomentando a súa participación na vida comunitaria e na toma de decisións.

A entidade desenvolve accións formativas, asesoramento profesional e programas de acompañamento que abarcan desde o emprendemento e o emprego ata a alfabetización dixital, prevención da violencia de xénero e dinamización de redes de socialización. Grazas a estas iniciativas, Fademur contribúe a un rural máis igualitario, dinámico e sostible, fortalecendo o papel das mulleres como motor de cambio económico e social nas súas comunidades.

⚙ Configurar cookies
0.085326910018921